Ás tres e media da tarde deste domingo o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón recibiu un aviso de CAE-112 informando sobre un incendio nun patinete eléctrico que o seu propietario estaba a cargar no interior dunha vivenda de rúa Xoán XXIII, en Xuvia. No aviso informábase de que teoricamente os propietarios xa extinguiran o incendio pero no interior da vivenda había moito fume.
Ao lugar do incidente trasladáronse dúas unidades da Policía Local de Narón e os efectivos do Speis que accederon á vivenda e comprobaron que o foco estaba extinguido pero que aínda se rexistraban puntos quentes, polo que se procedeu a refrixerar o patinete no exterior, sacándoo á rúa, e ventilar toda a vivenda, atendendo á lectura de gases realizada, e tamén o oco das escaleiras.
Non houbo persoas afectadas aínda que por razóns de seguridade evacuouse a vivenda ata que as medicións de gases foron favorables. A intervención finalizou ás 16.30 horas.