A fortuna impide a O Parrulo sacar un empate da súa visita a Pamplona

Ata tres balóns se encontraron co poste da portería defendida polo Osasuna Magna

Estivo preto, pero O Parrulo Ferrol vólvese sen carga da súa visita ao CA Osasuna Magna, tras caer por 2-1, na 2º xornada da Primeira División, disputado na noite do venres, no Pavillón de Anaitasuna (Pamplona).

As cousas non empezaban ben para os intereses de O Parrulo Ferrol porque, nunha das primeiras xogadas do partido, Roberto Martil aproveitaba un erro dos ferroláns para anotar desde a súa pista o 1-0. Este gol temperán daba ás ao CA Osasuna Magna que buscaba ampliar distancias cunha dobre ocasión de Bynho que evitaba a defensa pero, tras as primeiras rotacións sobre a pista, Fabinho sorprendía cunha rápida xogada por banda esquerda, ademais de aproveitar a súa propio rexeite para facer o 2-0.

Os ferroláns pedían tempo morto para cortar este xogo dos navarros e, aínda que nos seguintes minutos os locais seguían tendo o balón, aos poucos os xogadores de O Parrulo Ferrol ían tendo as súas primeiras ocasións claras, como nunha dobre oportunidade de William e Miguel, que non acertaban para portería, mentres que pouco despois era Ique o que o tentaba cunha boa ocasión que salvaba Asier baixo paus.

O partido estaba a igualarse en canto ao xogo sobre a pista e Isma estivo a piques de recortar distancias, cun disparo que rozaba o pau, mentres que xa dentro do último minuto o CA Osasuna Magna tiña unha ocasión por partde de Bynho, que lograba deter Víctor Espíndola, como tamén as tiñan Mancuso e Linhares, aínda que con este 2-0 o partido íase ao descanso.

O segundo tempo daba un envorco por completo case nada máis empezar, sorprendendo os ferroláns cun gol de Iago Rodríguez, establecendo o 2-1. Este gol daba moita motivación aos xogadores de O Parrulo Ferrol que buscaban o empate e estiveron a piques de conseguilo na seguinte chegada, cun tiro de Thalles ao pau.

O CA Osasuna Magna quería reaccionar e tamén tiveron moi preto o terceiro gol, tamén enviando Fabinho un balón ao pau, mentres que uns minutos despois Dani Zurdo tiña unha dobre oportunidade que lograba salvar Víctor Espíndola.

O partido chegaba á súa recta final e O Parrulo Ferrol sacaba a Isma como porteiro-xogador. Os ferroláns apertaban co xogo de cinco, cunha oportunidade de Isma que despexaba Asier, así como un remate de Kevin Chis baixo paus que se ía alto, mentres que na última ocasión Iago Rodríguez enviaba un balón ao pau que despexaba o meta local, polo que finalmente este 2-1 acabaría sendo definitivo.

Con este resultado, O Parrulo Ferrol continúa con 1 punto, no 11º posto, á espera do resto de resultados da xornada. Este martes os ferroláns volverá xogar, recibindo ao Industrias Santa Coloma, nun partido que se disputará a partir das 20:15 horas, no Pavillón da Malata.

Salir de la versión móvil