A campaña electoral galega non só non vai ser allea á crise do coronavirus, senón que pode verse afectada de forma radical pola epidemia global que atravesa unha gran parte do planeta. O primeiro partido en pór o foco de atención sobre esta cuestión foi o BNG a través da súa portavoz nacional Ana Pontón. A candidata nacionalista á Xunta urxiu durante esta semana a Alberto Nuñez Feijóo para que convocara aos líderes políticos a unha xuntanza na que coordinar as medidas e liñas de actuación ante esta nova situación.
Non foi ata a tarde deste pasado mércores cando o líder dos populares deu resposta ao requirimento da dirixente do BNG. Será o próximo luns día 16 cando se celebre este encontro no que o presidente da Xunta traslade ao resto de líderes os asuntos tratados na videoconferencia que o sábado terá co Presidente de Goberno central. Segundo explicou Feijóo “a unión de esforzos é fundamental nunha crise sanitaria deste calado”.
Pola súa banda, Pontón insistiu nestes días en que “é importante que haxa información e criterios claros e precisos sobres as pautas de actuación” ao tempo que demandou ao presidente autonómico a súa comparecencia no parlamento galego. A líder do BNG mostrou a súa preocupación polo impacto que esta crise está a ter na economía e no emprego e tamén polos miles de galegos desprazados fora do país e que se atopan en situación de risco de contaxio. A dirixente nacionalista asegurou que agora é o momento de facer un fronte común e deixou no aire a posibilidade de suspender os actos de campaña se se decide de forma coordinada.
Pola contra, os socialistas non son tan propensos a desbaratar a súa folla de ruta nesta campaña e confirmaron que mentres non haxa indicacións ao respecto, seguirán coa súa axenda adaptándoa as novas circunstancias. De feito, o líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, apuntou respecto a un posible aprazamento das eleccións, que “este país votou en xornadas tan tráxicas como o 11M” ou durante a actividade terrorista no País Vasco.
Discussion about this post