Desbroces, mobiliario e novas pasarelas para “poñer a punto” as praias de Ferrol

O Concello ten case rematado o plan de mantemento dos areais, tanto urbanos como nas zonas rurais

Playa de Doniños

O Concello de Ferrol reafirmou hoxe que continúa co o plan de mantemento e reparación de varandas, pasarelas e instalacións das praias do municipio tralas críticas do Partido Popular, que acusou ao goberno local de “non realizar o mantemento dos areais de cara a tempada de verán”. A comezos de mes o Concello puxo en marcha un programa de intervencións para “solucionar danos causados tanto polos temporais como por actos vandálicos” coa intención de que os areais “estean en perfecto estado de cara ao verán”, tarefas que se veñen desenvolvendo dende o pasado luns.

Polo momento xa se rozaron os accesos ás praias de Santa Comba, O Vilar, A Graña, Esmelle, San Xurxo, Penencia, Fragata, San Felipe, Caranza e Doniños. Colocáronse novos carteis informativos en outras tantas, como San Felipe, Santa Comba, Ponzos, Fragata, Esmelle, San Xurxo, Cariño, O Vilar, Penencia, Doniños, Caranza e a Graña.

 

 

Ademais, instaláronse duchas en Cariño e San Felipe. Tamén se distribuíron  papeleiras de 120 litros en Ponzos e contedores de residuos sólidos urbanos en Doniños, Esmelle, San Xurxo, Penencia, Ponzos, Sartaña e O Vilar, entre moitas outras. Esta semana colocáronse contedores de vidro, papel e pilas en San Xurxo, Esmelle e Fragata. Retirouse tamén a area das ramplas de entrada ás praias de Esmelle e O Vilar.

Desde primeiras horas desta mañá os operarios continuaron cos labores de roza no acceso á praia de Doniños, onde xa traballaron ao longo da mañá de onte. Tamén hoxe montaron as pasarelas de madeira no areal do barrio de Caranza.

 

 

Salir de la versión móvil