Festival de goles e reparto de puntos entre O Parrulo e o Santa Coloma

Os ferroláns conseguiron remontar pero un gol dos visitantes no tramo final do encontro puxo o empate no electrónico

Un punto máis para a marcadora de O Parrulo Ferrol, tras empatar 4-4 ante Industrias Santa Coloma, na 3º xornada da Primeira División, nun partido disputado na noite do martes, no Pavillón da Malata.

O partido empezaba co xogo en media pista e sen un claro dominador, sendo o visitante Corso o que daba o primeiro aviso aos dous minutos cun tiro na frontal da área por raso, que atallaba sen problemas Víctor Espíndola, mentres que a seguinte chegada, tras as primeiras rotacións, tíñaa o tamén visitante David Álvarez e con idéntico resultado, pero na terceira chegada metíana para dentro, cun gol do propio David Álvarez ao segundo pau, que culminaba unha gran xogada de equipo.

Os xogadores de O Parrulo Ferrol non viñan abaixo tras este gol, senón todo o contrario, subindo liñas para buscar o empate e leste chegaba nunha xogada de saque de banda de Adri, dándolle o balón a Miguel ao segundo pau para que este fixese o 1-1. Os ferroláns crecíanse tras o gol e o propio capitán tíñaa nun tiro no bordo da área que se ía alto, tras un bo roubo de Ique.

O balón tíñano os ferroláns, controlando o xogo, por momentos no centro da pista e tendo ocasións como a de Iago Rodríguez desde dez metros que se ía alto ou outra de Thalles desde a frontal da área que detiña Borja Porta. Entre medias, tamén o Industrias Santa Coloma tentábao cun tiro de Corso no bordo da área e outro de Sepe, pero ambos se atopaban con Víctor Espíndola.

Na recta final do período o Industrias Santa Coloma chegaba á súa sexta falta, tendo unha boa ocasión Thalles para marcar desde o punto de doble penalti, pero Mario Almagro paraba co seu peito o tiro do xogador ferrolán. Nestes últimos instantes Morioka tamén o tentaba cun tiro desde a lateral da área que se ía fóra ou un contragolpe de Isma que lograba despexar o porteiro Borja Porta á súa saída, polo que o partido íase ao descanso co 1-1.

Tras a continuación, o Industrias Santa Coloma daba un primeiro aviso cun tiro cruzado de Khalid desde a lateral da área que se ía por pouco, aínda que xusto despois Miguel respondía como el só sabe facer cun gol raso desde a frontal da área nunha boa xogada de equipo, anotando o 2-1.

Os visitantes buscaban reaccionar, aínda que os ferroláns tiñan o balón, cun tiro de *Álex Verdejo desde a lateral da área que lograba atrapar Víctor Espíndola coas mans, pero o Industrias Santa Coloma sabía aproveitar as súas oportunidades, cun gol de falta directa na frontal da área de Drahovsky, directo á escuadra e imposible para o meta ferrolán.

Os ferroláns querían volver poñerse por diante, tentándoo cun contragolpe iniciado por Morioka, cun pase entrelíneas a William, pero chegaba xusto a tempo o porteiro Mario Almagro, mentres que o xogador xaponés volvía tentar uns segundos despois cun tiro desde o bordo da área a media altura que se ía por moi pouco. Thalles tamén tivo a súa ocasión, cun tiro desde dez metros á saída dun córner, pero íase alto.

A fortuna segue sen estar cos ferroláns nos partidos, porque nun balón que parecía que se ía a ir fóra pola liña de banda, Drahovsky superaba a Víctor Espíndola que saía para evitar a súa chegada e cortar a xogada, metendo o pé no último instante, para marcar de tiro cruzado a porta baleira o 2-3.

A pesar deste gol encaixado, os ferroláns seguían mantendo o seu xogo, buscando o empate, tendo varias ocasións como a de Ique na frontal da área que despexaba Mario Almagro co peito, a de Thalles desde quince metros á saída dun córner que se atopaba cunha boa man do meta, un tiro cruzado de Morioka desde o bordo da área que se ía por pouco, ou mesmo unha triangulación entre Miguel Caeiro, Isma e William, pero que volvía evitar o meta visitante.

Finalmente, tras tantos intentos, O Parrulo Ferrol atopaba a súa recompensa, cun o terceiro gol de Miguel, esta vez na frontal da área á saída dun córner, volvendo empatar o partido. Os ferroláns gañaban confianza tras este gol, lanzábanse ao ataque e nunha das poucas xogadas nas que puido intervir Adri, o balón foi para dentro, cun gol marca da casa, cun tiro desde a lateral da área directo á escuadra.

O Industrias Santa Coloma ía a por todas, sacando a Corso como porteiro-xogador e na primeira ocasión que tiñan co xogo de cinco, realizaban unha gran xogada que finalizaba cun gol de Drahovsky ao segundo pau, tras conseguir meter o pé a un balón que lle ía a media altura. Os ferroláns respondían #ante isto coa mesma arma, sacando a Isma como porteiro-xogador, pero, a pesar de ter o balón, Industrias Santa Coloma aguantaba en defensa, polo que este 4-4 acabaría sendo definitivo.

Con este resultado, O Parrulo Ferrol ten 2 puntos na súa marcadora, no 9º posto provisional. Este venres volverán xogar, visitando ao Levante VDE, nun partido que se disputará a partir das 21:00 horas, no Pavillón de Paterna (Valencia).

Salir de la versión móvil