O alcalde das Pontes, acompañado polos concelleiros de Obras Municipais e o de Seguridade Cidadá e Servizos, asistiron esta mañá do luns 13 de xullo ao inicio dos traballos de renovación da capa de rodadura da Avenida de Galicia, Fase III, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Ponte de Isabel II.
Os traballos contan cun orzamento total de 227.563,67 euros, o cal permitirá a sustitución da actual capa de rodadura por formigón impreso para aumentar a seguridade e comodidade do viario. Esta actuación ten como obxectivo darlle continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesiblidade do centro urbano, tras a renovación da Praza do Hospital e as obras da primeira e segunda fase da Avenida de Galicia, creando unha rúa na que os peóns gañan relevancia.
Así, procedeuse a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas e a mellorar a iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo, así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.
Ademais levouse a cabo a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa, a conexión das acometidas das augas fecais e as conexións á nova rede de drenaxe das baixantes dos tellados, e xa por último a instalación de sumidoiros e a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento.
A terceira fase da Avenida de Galicia, finalizados os traballos de extensión da nova capa de rodadura, e xa instalado o mobilario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) rematarán coa sinalización completa do tramo.
Discussion about this post