O CHUF leva a cabo a terceira experiencia en Galicia con células nai vivas

Trátase do primeiro tratamento da fístula perianal con terapia celular aloxénica na Área Sanitaria de Ferrol

O equipo multidisciplinar de Inflamatoria Intestinal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realiza o primeiro tratamento da fístula perianal con terapia celular aloxénica na Área Sanitaria de Ferrol, é dicir, con células nai vivas procedentes de persoas sans, que se ten amosado como a máis efectiva en fístulas de Crohn refractarias. Esta mañá, unha persoa cunha fístula perianal provocada por esta enfermidade de Crohn, un tipo de enfermidade inflamatoria intestinal, recibía as células nai vivas no quirófano do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá. Cabe destacar quecon esta é a terceira experiencia en Galicia con células nai.

Perfil do paciente e comité multidisciplinar

Esta terapia celular aloxénica consiste en inxectar células nai vivas no entorno da lesión tras un tratamento cirúrxico previo, o que axuda ao proceso de cicatrización da fístula. O perfil do paciente que pode recibir este tratamento ten que sevalorar moi concisamente e en conxunto e é moi concreto, xa que ten que responder a unhas características determinadas. Esta terapia ten dous pasos, unha cirurxía previa para preparación da área afectada, e a intervención para a inxección das células que realizaba hoxe o Servizo de Cirurxía.

Que é a enfermidade perianal

Coñécese como enfermidade perianal a calquera anomalía ou alteración da zona do ano e do recto, asociada á enfermidade inflamatoria intestinal -EI-. Preséntase en maior medida en pacientes con enfermidade de Crohn, especialmente en casos de afectación inflamatoria rectal. A sintomatoloxía asociada a esta enfermidade limita as actividades e a calidade de vida dos pacientes que a padecen, e, nese senso, este tratamento supón unha nova opción terapéutica para eles. Preto dun 10% dos pacientes con enfermidade de Crohn, senten principalmente abscesos e fístulas como primeiras manifestacións da enfermidade.

Unidade certificada en calidade

Lembrar que a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi a primeira de Galicia en contar cun Comité Multidisciplinar dende o ano 2013. E tamén a primeira que, no 2018, recibía a certificación de calidade co maior grao de excelencia por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Geteccu), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal. Para a consecución desta certificación Buerau Veritas realiza unha auditoría na que se fai unha baremación de máis de 50 indicadores de procesos e resultados.

Precisamente un dos aspectos destacados para recibir esta certificación é o carácter interdisciplinar da Unidade, que conta co mencionado Comité, onde se consensúan os distintos casos, e que hoxe fai posible este importante avance para os pacientes na Área Sanitaria de Ferrol.

Salir de la versión móvil