O Goberno distribúe 72.000 novas máscaras para entidades sociais da provincia da Coruña

Cada unha das tres entidades recibe 24.000 máscaras para a súa posterior distribución entre os seus usuarios e asociacións colaboradora

A Subdelegación do Goberno da Coruña distribuíu hoxe 72.000 máscaras destinadas a entidades sociais da provincia coruñesa, no que supón a cuarta entrega deste material promovido polo Goberno de España. Esta cantidade forma parte das 358.000 que se entregarán durante os próximos días a concellos e entidades sociais, coincidindo co inicio do curso escolar.

Durante a mañá de hoxe a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantivo un encontro con representantes de Cruz Vermella, Cáritas e Cermi, que recibiron 24.000 máscaras para cada entidade, que posteriormente serán distribuídas entre os seus usuarios e asociacións colaboradoras. Esta cantidade forma parte das 358.000 que se distribuirán durante os próximos días a concellos e entidades sociais, coincidindo co inicio do curso escolar, no que é a cuarta entrega destas características.

Estas tres entidades veñen colaborando estreitamente co Goberno na loita contra o COVID-19 e xa a principios de maio e de xuño recibiran outras 37.000 máscaras cada unha para a súa repartición entre os seus entes asociados e colaboradores. Neste sentido, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade ( CERMI) está integrado por dez entidades, entre as que figuran a Federación de Persoas Xordas, Aspace, Down Galicia, Cogami e Once, entre outras; mentres que Cruz Vermella e Cáritas colaboran con numerosas entidades e particulares.

Pilar López-Rioboo quixo destacar o gran traballo e esforzo desenvolvido polas entidades sociais durante a crise derivada do COVID-19 e que focalizou fundamentalmente na defensa das persoas máis vulnerables e desprotexidas. Por iso agradeceu aos seus responsables o labor levado a cabo a través dos seus diferentes servizos.

A subdelegada do Goberno lembrou que esta é o cuarto operativo posto en marcha polo Executivo para a distribución de máscaras entre a poboación. Na provincia da Coruña foron 250.000 as repartidas a mediados de abril entre usuarios de transporte, residencias de anciáns, colectivos sociais e empresariais; mentres que a principios de maio foron outras 344.000 as unidades entregadas a usuarios de transporte, colectivos sociais e concellos.

No terceiro operativo, desenvolto en xuño, foron 75.000 as máscaras entregadas, ás que agora se suman un total de 358.000, que serán distribuídas entre entidades sociais e concellos, tal como acordaron a pasada semana o Goberno de España e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), de tal forma que o número total de unidades distribuídas na provincia coruñesa por parte do Goberno foi de 1.027.000.

As anteriores campañas habíanse desenvolvido coincidindo coa obrigatoriedade do uso do material no transporte público e coas primeiras medidas adoptadas para a nova normalidade como a apertura de negocios e o incremento de mobilidade derivado destas novas circunstancias. Ademais, establecéronse como destinatarios prioritarios as persoas máis vulnerables e con menores recursos económicos, para o que o Goberno contou coa colaboración de Cruz Vermella Española, Cáritas e Cermi, a través das que se canaliza a entrega do material.

Esta nova entrega realízase en apoio ás entidades sociais e ás familias máis necesitadas, coincidindo co inicio do curso escolar. Para iso, o Goberno distribuirá 15 millóns de máscaras en toda España, das que a Galicia correspóndenlle 862.00 unidades, 385.000 das cales se entregarán por parte da Subdelegación do Goberno na provincia da Coruña.

Segundo resaltou Pilar López-Rioboo, todos estes dispositivos evidencian o compromiso e esforzo do Goberno por estar presente e colaborar con toda a cidadanía durante a pandemia xerada polo COVID-19, especialmente con aqueles colectivos máis desfavorecidos e que máis poden sufrir as consecuencias da actual crise sanitaria.

Salir de la versión móvil