O Racing abre as portas do clube a Pablo Rey e outros oito xogadores da actual plantilla

Todos eles remataban contrato no día de hoxe e o comunicado do clube xera incertezas sobre se conta ou non con algún deles para a próxima tempada

As intencións do Racing de Ferrol de facer unha reestruturación da plantilla e corpo técnico xa se viñan barruntando nas últimas semanas e o clube verdiblanco confirmouno hoxe nun comunicado oficial remitdo aos medios ás 22.00 horas no que agradece os servizos prestados a nove xogadores, entre eles o capitán ferrolán Pablo Rey.

A pasada semana xa trascendera que a xerencia do clube tomara a de decisión de non contar con todo o equipo técnico da pasada campaña, agás o entrenador Emilio Larraz e hoxe confirmouse que tamén o plantel sufrirá grandes cambios. O primeiro traspaso en facerse oficial foi o de Diego Garrido, do que xa se anunciou a súa marcha ao Somozas.

Ademáis do central, desde hoxe quedan desvinculados da Malata Pablo Rey, Adrián Armental, Marcos Álvarez, Diego Garrido, Joel López, Iker Rodellar, Raul Tavares, Miguel Villarejo e Juan Antonio. Todos eles rematan contrato este 30 de xuño e, segundo se desprende do comunicado do clube, dispoñen de liberdade para buscar novo destino futbolístico. A entidade racinguista deixa no aire a posibilidade de que se poidan negociar a renovación de algún de eles, aínda que moitos xiareiros entenden que o tono utilizado polo departamento de comunicación racinguista soa máis ben a despedida.

 

“Non sabemos se o mundo do fútbol vai seguir unindo nun futuro, mentres tanto, agradecervos o voso compromiso e profesionalidade durante as tempadas que vestistes a camiseta verde. A todos desexámosvos a mellor das sortes no voso futuro laboral e persoal”, di o Racing de Ferrol no seu comunicado.

O clube tamén emitiu este comunicado nas redes sociais e a indigación dos afeccionados non tardou en facerse patente. Moitos deles criticaron as formas en que o Racing fixo este anunciou, sobre todo cando implica a unha lenda do clube como é Pablo Rey. Haberá que esperar uns días para que as fontes oficiais confirmen se trata dun comunicado formal polo fin do contrato destes xogadores ou se a intención do club é non contar con eles, definitivamente, de cara á próxima campaña.

Salir de la versión móvil