O Racing cae por 2-3 na súa estrea na casa fronte ao Pontevedra

O uruguaio Yeferson Quintana fixo os dous goles para o equipo ferrolán

Preto dun milleiro de afeccionados, gardando a distancia sanitaria correspondente, déronse cita esta tarde na Malata para ver a este renovado Racing que aspira a todo nesta tempada 2020-2021. Antes do inicio do encontro gardouse un minuto de silencio polas vítimas do Covid-19. O estreo do equipo verde non foi o desexado e caeu por un 2-3 fronte a un Pontevedra que demostrou porque é, xunto co Deportivo, un dos grandes favoritos a desputar a fase de ascenso.

O encontro pronto se puxo costa arriba para o Racing, xa que o o Pontevedra se adiantou aos 3 minutos tras unha cabalgada pola banda de Oier Calvillo, que colleu descolocada á zaga racinguista, para que Álex González rematase a pracer no segundo pau e mandase o balón ao fondo das redes tras un bo chute a bocajarro.

O Racing non comezou o encontro moi organizado sobre o tapete e custoulle ter o balón e enlazar máis de catro pases seguidos ante a presión dos de Jesús Ramos, que nos primeiros minutos xogaron coa defensa moi adiantada, castigando a zona de creación do equipo verde. O ex do Osasuna, Oier Calvillo foi un pesadelo para o Racing en todas as zonas do campo, pero especialmente para Pumar na banda dereita do ataque visitante, xerando perigo con constantes centros á área.

A primeira chegada do Racing foi no minuto 16 grazas a unha internada de Diego Seoane, que tras un saque de banda logrou irse do seu defensor e poñer un centro que cabeceou o punta toledano David Rodríguez, pero que logrou sacar, non sen dificultades, o gardameta pontevedrés Mario.

O Racing tivo que esperar a unha xogada a balón parado, non seu primeiro corner ( min. 22) para facer verdadeiro perigo. Foi cun testarazo de Elsinho, que cabeceou só diante do gardameta visitante, o cal logrou sacar unha boa man para mandar o balón a corner por enriba do largueiro.

Tres minutos máis tarde, o Racing volveu avisar cunha combinación pola banda dereita entre Peñaloza e Seoane, que deixou ao colombiano nunha posición avantaxada para o disparo, pero que acabou atrapando fácil Mario.
O equipo verde empezaba a carburar en ataque e dous minutos máis tarde, tras un rexeite da defensa a un tiro afastado do Racing, Joselu quedou só diante do porteiro e disparou un tiro seco e duro desde a área pequena, pero moi centrado e que puido despexar o porteiro visitante. Dese despexe viría o empate para o Racing no minuto 27.

A xogada continuou e un centro moi pasado de Jon Garcia ao segundo pau, que parecía fácil para o gardameta visitante, aproveitouno o uruguaio Yeferson Quintana para cabecear e mandar o balón ás redes cando parecía que Mario tíñao atrapado. A xogada non estivo exenta de polémica e foi protestada polos xogadores de Pontevedra, pero o colexiado do encontro non apreciou falta e o tanto subiu ao marcador para poñer o empate.

Tras o gol, e xa nos últimos minutos desta primeira parte, o encontro estivo máis aberto e o Pontevedra viuse obrigado a atrasar algo máis a súa liña defensiva, desafogando o centro do campo e permitindo a Elsinho e Álex López xerar máis xogo ofensivo, aínda que sen lograr achegarse á portería rival.

A emoción e as ocasións prolongáronse ata o final deste primeiro tempo. A zaga racinguista tivo que empregarse a fondo nestes compases finais para neutralizar varias xogadas combinadas entre Charles, Calvillo e Xisco Campos.

No último minuto do encontro o Rácing tamén dispuxo dunha boa ocasión a través de Joselu, que se foi de dous xogadores cun gran xesto técnico e puxo un balón tépedo ao área pequena sen que ninguén do Racing puidese rematar. Antes de que se cumprisen os 45 primeiros minutos, o de Palmeira realizou outra xogada combinada con Juan Peñaloza, que tampouco chegou a rematar cando quedaba só ante o gardameta visitante.

 

 

No arranque da segunda metade, Joselu volveu a monopolizar o ataque ferrolán, pero os seus dous primeiros centros non atoparon rematador na área do Pontevedra. Sen embargo, aos visitantes bastáronlles dous ataques para darlle a volta ao marcador. Aos 5 minutos da reanudación, tras un saque de banda, un erro de marca da defensa racinguista deixou só a Calvillo para poñer desde o pico da área un centro medido a Romay que este logrou rematar de cabeza axustando o balón ao segundo pau, onde non puido chegar Diego Rivas.

A sentenza chegaría no minuto 64 do partido. De novo a falta de contundencia da zaga racinguista propiciou que unha xogada sen aparente perigo convertésese no terceiro tanto dos pontevedreses. Calvillo, que foi o xogador máis destacado do encontro en ataque, revolveuse entre dous xogadores racinguistas, caracoleó e chutou un disparo raso axustado ao segundo pau.

Larraz preparou dous cambios tras o gol. Entraron Pep Caballé e Fer Beltrán entraron por Peñaloza, que estaba amoestado, e Dani Abalo. Cando o Racing parecía xa morto sobre o terreo de xogo, unha faltaba ben botada por Álex López desde o lado dereito da área atopou no segundo pau a cabeza do uruguaio Yeferson Quintana, que volveu impoñerse por alto á defensa e que facía, así, o seu segundo gol do partido na súa estrea coa elástica racinguista.

O adestrador do Racing fixo a súa última aposta sobre o campo dando entrada ao brasileiro Nathan Palafoz que entrou por David Rodríguez para disputar os últimos 10 minutos de partido. A entrada do punta en nada cambiou ou xogo do Racing, que non foi quen de xerar unha última xogada de perigo e só puido especular co balón con combinacións que non chegaron a bo porto. O Racing déixase así os tres primeiros puntos nesta tempada exprés no que cada punto conta máis ca nunca.

Salir de la versión móvil