Ortigueira incorpora o percorrido dos Penidos como unha das súas Xeorutas históricas

Entre os meses de xullo e agosto desenvolveranse un total de seis itinerarios, catro máis que o ano pasado

O Concello de Ortigueira comezará o vindeiro 17 de xullo as súas xeorutas con gran riqueza xeolóxica. Este ano organízanse catro percorridos máis que no 2019 e incorpórase unha nova ruta, a dos Penidos, que precisamente será a que estreará o calendario deste verán.

Xeoruta dos Penidos

Discorre por unha parte da serra da Capelada na que atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo planeta. Trátase dunhas rochas “récord”, xa que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade, onde a presión é moi alta e permite que se formen os diamantes.

Tamén inclúe unha visita ao espectacular Pozo do Inferno e ao macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira. A distancia é de oito quilómetros, cunha dificultade media e cunhas catro horas aproximadas de duración. Ademais poderá realizarse non só o 17 de xullo senón tamén o 12 de agosto.

Xeoruta das lavas

A xeoruta das lavas está fixada para o 20 de xullo e o 7 de agosto. Comeza en Espasante onde se pode ver un excepcional conxunto de materiais orixinados por erupcións volcánicas submariñas xerados hai máis de 400 millóns de anos, unha época na que esta zona era parte do fondo dun antiguo océano.

Neste percorrido tamén se atopan estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rochas nesta zona. A duración é de tres horas, cunha distancia de catro quilómetros, e considérase de dificultade baixa.

Xeoruta dos volcáns

A xeoruta dos volcáns desenvolverase os días 28 de xullo e 21 de agosto. Neste caso o itinerario é de dificultade media e conta cunha lonxitude total de 6 quilómetros e cunha duración de tres horas. Discorre polo litoral de Loiba, onde hai máis de 470 millóns de anos existían numerosos volcáns con erupcións moi violentas. Hoxe podemos ver nas rochas as pegadas que deixaron, e tamén atopamos cantos rodados que proceden de antigos icebergs cando esta zona estaba próxima ao Polo Sur.

Para inscribirse nas xeorutas hai que facelo a través do blog do xeólogo encargado de guiar os percorridos Francisco Canosa, no seguinte enlace https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/

Salir de la versión móvil