O último barómetro publicado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) o pasado 24 de xuño sobre a cita electoral da 12 X volve a debuxar un escenario aberto dado o alto número de indecisos e persoas que non declaran o seu voto, que nesta ocasión supoñen o 41%. A enquisa dálle ao Partido Popular un 26,3% de intención directa de voto, seguidos do BNG cun 10,4% e o PSdeG-PSOE cun 10,2%. Ao mesmo tempo a enquisa elaborada nas primeiras semanas de xuño reflexa que o 31,6% dos entrevistados non sabe aínda a quen votar e un 10% non quixo contestar.
Esa bolsa de votantes indecisos será chave se temos en conta que segundo a enquisa do CIS o bloque de esquerdas obtén máis apoios en canto á pregunta sobre a simpatía, sumando o 37% das opcións, fronte ao 18% dos da dereita.
Galicia en Común obtén un 3,0% en intención directa de voto, sen porcentaxe suficiente para entrar na cámara e o apoio a Vox en Galicia seguiría sendo residual, ao sumar tan só o 0,6% dos votos, ao igual que o de Ciudadanos, que alcanzaría o 0,5%.
No que atinxe á valoración dos líderes, Ana Pontón é a segunda candidata mellor valorada polo votantes galegos, cunha cualificación moi próxima á de Feijóo, que obtén un 5,9, mentres a líder dos nacionalistas ten un 5,2.
Outro dato destacado é que só un 32% dos votantes de En Marea nos pasados comicios apostaría agora por Galicia en Común e ata un 31% deles votaría ao BNG. Só un 12% iría para os socialistas. Segundo o CIS O Bloque retén ao 72% do votante de hai catro anos e o Partido Socialista 63%, mentres que un 86% do votante do PP en 2016 segue fiel a Feijóo.
As dúas semanas de campaña que restan serán decisivas para que as persoas candidatas traten de convencer a gran bolsa de indecisos que nestes momentos hai, xa que deles dependerá, en grande medida, quen ocupará os despachos da presidencia no Pazo de Raxoi compostelán.