O Concello de Ferrol vén de reactivar a Oficina municipal de Voluntariado coa posta en marcha de varias accións co fin de revitalizar as súas funcións e aumentar o seu ámbito de actuación. Tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, a nova oficina, que xa contaba con 25 voluntarios, sumou na última semana oito novas altas.
A concelleira explicou que foi precisamente hai unha semana cando se activou a nova páxina web da Oficina de Voluntariado –https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/89– no portal municipal, onde se pode consultar toda a información relativa ao traballo que desenvolven os voluntarios. Os interesados en participar poden inscribirse chamando ao número de teléfono 981 944 235 ou enviando un mail a [email protected].
Tres pretensións
Martínez Montero explicou que a reactivación da oficina, localizada no Edificio Social de Ferrol, se basea en tres obxectivos. O primeiro é a formación do voluntariado impartida polo Concello co fin de ofrecer o mellor servizo posible á veciñanza. De feito, o próximo mes de outubro, os días 16 e 17, dará comezo o primeiros dos cursos de Formación Básica e xa en novembro impartirase outro de Manipulación de Alimentos, e en decembro presente un de Formación Especializada.
O segundo dos obxectivos é o traballo en rede con todas as entidades sociais. «Ferrol é unha cidade moi solidaria que conta cun gran tecido asociativo, e traballando de forma conxunta e coordinada obteremos mellores resultados», afirmaba a edil.
Por último, a recente reactivación da Oficina de Voluntariado inclúe como terceiro obxectivo o desenvolvemento de accións propias dirixidas aos colectivos máis vulnerables tendo en conta as súas necesidades.
Especial atención aos maiores da cidade
Neste senso a concelleira manifestou que a Oficina de Voluntariado prestará especial atención «aos nosos maiores», un colectivo, dixo, que «como consecuencia da pandemia que estamos a vivir resultan os grandes prexudicados non só desde o punto de vista sanitario, tamén desde o ámbito social».
Así pois o Concello de Ferrol, a través da Oficina de Voluntariado, compensará a suspensión dos obradoiros de envellecemento activo e os comedores sénior, pola pandemia, co labor que desenvolverán os voluntarios de Ferrol e a posta en marcha de diferentes obradoiros dirixidos a mellorar a súa calidade de vida.