Licitada por 1,9 millóns as obras da primeira Vía Verde da provincia da Coruña

Realizarase nos 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda
11acaac8f99bee5587e7adeead504914_f35143

Vinte días despois de que os concellos de Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda encomendaran á Deputación da Coruña a xestión das obras para a construción da Vía Verde Santiago-Cerceda, o organismo provincial vén de sacar a licitación pública as obras dos tres tramos correspondentes a estes municipios (todos agás Santiago), que suporán un investimento de 1.930.374 euros.

As obras, que comezarán en 2021, pretenden converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bici «que terá unha importante repercusión turística e socioeconómica para estes concellos», afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que a idea da Vía Verde «comezou a xestarse hai máis dunha década e esperamos facela por fin realidade neste mandato».

Formoso definiu o proxecto como «un exemplo de colaboración entre administracións», xa que requiriu da colaboración e autorización de numerosos organismos, a participación activa dos concellos implicados e o apoio económico europeo, xa que un 80% do financiamento provén de fondos europeos FEDER para proxectos locais que fomenten a economía baixa en carbono.

A Vía Verde enmárcase na aposta do goberno da Deputación para promover un novo modelo de mobilidade sostible e eficiente na provincia da Coruña e «contribuirá á vertebración de distintos núcleos rurais, recuperando a vella rede ferroviaria abandonada para darlle unha nova dimensión, máis ecolóxica e sostible» explicou González Formoso, que sostivo que «será unha alternativa segura para ciclistas e sendeiristas e un potente dinamizador do turismo».

Os tres tramos que saen a licitación son o de Oroso (720.856,72 euros), Ordes (506.423,48 euros) e Tordoia-Cerceda (677.094,17 euros) que suman un investimento total superior aos 1,9 millóns de euros para a creación da platafoma da Vía Verde, que contará cunha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista. Dotarase ao itinerario de drenaxes e outras obras complementarias coma a construción de muros e noiros, instalación de barandas en pontes e viadutos, iluminación de túneles activada por presencia ou adecuación de áreas de descanso, nas que se instalarán bancos e mesas de madeira e estacións aparcabicis.

O proxecto inclúe tamén a instalación de carteis de contextualización ferroviaria e elementos innovadores coma eco-contadores e cargadores de bicicletas eléctricas. O prazo de licitación das obras está aberto ata o 19 de outubro.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.