O Baxi Ferrol gañou o seu segundo partido da primeira fase de grupos da Copa Galicia tras impoñerse ao Maristas Coruña, recén ascendido a Liga Femenina 2, por un contundente marcador de 102 a 62. As de Lino López resolveron o encontro pola vía rápida impoñendo desde o principio un ritmo de xogo que non puideron aguantar as coruñesas. No primeiro cuarto xa gañaban de 19 puntos (30-11) grazas a actuación dunha das grandes fichaxes deste ano, a alero Irene Garí.
O colchón permitiu ao adestrador ferrolán realizar varios cambios e probar diferentes quintetos de caro ao inicio da competición ligueira que podería dar comezo a próxima fin de semana. O partido tamén serviu para que o afección do Baxi vise en acción a algunhas das novas xogadoras, como as arxentinas Julieta Mungo, que rematou con 18 puntos, e Andrea Boque, con 12, e que completaron un grande partido. As xa veteranas como Jenna Allen, Patri Cabrera, Natalia Rodriguez ou Dynn Leaupepe demostraron que manteñen o nivel competitivo da pasada tempada.
O Baxi xogou ao que sabe, intensidade defensiva e transicións rápidas en ataque para irse ao descanso cun 52-33 no marcador. Lonxe de relaxarse, as de Lino non baixaron os brazos, seguiron competindo durante o resto do encontro e lograron aumentar a vantaxe en cada cuarto ata os 45 puntos do último período. As filiais Carla Peña e Sonia Bra tamén aproveitaron os minutos que tiveron en pista.
Na seguinte fase, cunha data aínda por determinar, espera o lider do outro grupo, o Celta Zorka Recalvi. O gañador deste duelo enfrontarase na final da Copa Galicia ao Ensino de Lugo, que xa está clasificado directamente por competir na máxima categoría da Liga Femenina.