Fene conta con máis de medio cento de lavadoiros públicos os cales, despois de sufrir o abandono xeneralizado da veciñanza, volveron a recuperar o seu antigo aspecto tras a renovación levada a cabo polo departamento de Obras e Servizos. Nas últimas a Fonte do Campo, a Casanova e o Pedregal foron reacondicionadas como parte dun programa de rehabilitación integral que se lle quere ir aplicando pouco a pouco a todos os píos municipais.
Porén, non todo son boas noticias. E é que esta fin de semana xa se detectaron neles os primeiros efectos de condutas incívicas, con lixo ciscado e suciedade na pintura en Fonte do Campo e mesmo un colchón tirado no lavadoiro da Casanova.
Actos incívicos nos lavadoiros locais
A área de Seguridade deulle orde esta mesma mañá á Policía Local de que se reforce a vixilancia destes elementos patrimoniais nas roldas da fin de semana, cando é habitual que neles se xunten grupos de mozas e mozos para pasar a tarde, sobre todo en días coma o do sábado en que choveu durante toda a xornada.
Buscarase así producir un efecto disuasorio ante posibles desperfectos, e tamén asegurar que se cumpren as medidas preventivas da Covid-19 en canto a distanciamento social, uso das máscaras e grupos de persoas non convivintes.
Reacondicionamento das tres fontes
Os traballos que se fixeron xa nos lavadoiros da Fonte do Campo, da Casanova e do Pedregal estiveron centrados nunha limpeza xeral, seguida do arranxo de pequenos desperfectos de albanelaría e dun repintado completo para volverlles o lustre e borrar anos de grafittis.
Porén, tan só uns días despois xa se confirmaron prácticas incívicas que ameazan todo o traballo feito. Así, no pío da Fonte do Campo apareceron envoltorios de lambetadas, cabichas, cascas de pipas e marcas de calzado sobre a pintura nova. Pero a cousa non parou aí, posto que o da Casanova amenceu o xoves pasado cun colchón metido na auga.
A intención municipal é continuar facendo labores de conservación en todos os lavadoiros do concello ata completar un catálogo de 53 construcións. E, mentres se segue mellorando o seu aspecto, prégaselle á veciñanza que se coide este patrimonio e que se lle comunique tanto á Policía Local como á Garda Civil calquera acto vandálico que se presencie ou do que se teña coñecemento.