O Padroado da Cultura de Narón abrirá do vindeiro 2 ao 6 de novembro un prazo extraordinario de matrícula para dispoñer dunha listaxe coa que poder cubrir as vacantes que se poidan rexistrar nalgún dos cursos ofertados.
As matrículas tramitaranse, como é habitual, nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. As persoas que desexen recibir máis información ao respecto poden chamar ao número de teléfono 981 391 144 ou escribir un correo electrónico á dirección: [email protected].
Ofertas dispoñibles no presente curso
As Escolas Tradicionais ofertaron un ano máis clases de Danza tradicional, Canto e pandeireta -a partir de 5 anos-; Gaita, Percusión tradicional -a partir de 6 anos-; Acordeón, Zanfona -dende os 8 anos-; Construción de instrumentos -a partir de 16 anos- e, O Recuncho dos Pequechos -de 3 a 4 anos-.
A maiores, nas Escolas Artísticas están as opcións de Debuxo -a partir de 6 anos- e Teatro -a partir de 4 anos- e na Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso -a partir de 16 anos-, segundo e terceiro e o Practicum. Outra das modalidades das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura é Bailes de salón -a partir de 4 anos-.
Situación excepcional con medidas excepcionais
A actual situación sanitaria obriga a remodelar por completo o desenvolvemento das clases, con grupos reducidos e incidindo no cumprimento de todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid-19.
Adaptación de espazos, horarios e número de alumnado por grupos foron algúns dos asuntos que se tiveron que reestructurar debido á pandemia do coronavirus.
En canto ás matrículas que se formalizaron no prazo establecido, que rematou o pasado venres, dende o Padroado da Cultura recordouse que as persoas que non poidan acudir no día e hora asignados en función da organización do curso, dispoñen de prazo ata o 30 de outubro para solicitar a devolución do importe abonado.