O voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá en rolda de prensa que o seu departamento está a manter conversacións con veciños, hostaleiros e comerciantes do barrio da Magdalena co fin de prorrogar tres meses a peonalización da propia rúa.
Peonalización para favorecer o comercio local
Esta leva pechada ao tráfico rodado desde o 16 de xuño para permitir a instalación de terrazas aos negocios de hostalería situados no tramo comprendido entre as rúas Rubalcava e Sánchez Barcaíztegui.
O edil explicou que a intención do goberno local é contribuír na medida do posible á reactivación da economía do barrio tras recibir varias peticións neste senso por parte dos negocios «nun ano especialmente difícil para o sector».
Por elo, dixo o voceiro, «estamos a traballar para obter o maior consenso posible neste asunto». Finalmente Reina incidiu en que o Concello está a pulsar as inquietudes dos emprendedores da rúa Magdalena e explicou que xa hai unha gran cantidade de negocios os que lles trasladaron ao grupo municipal a aposta por medidas que favorezan o paso de peóns polos seus escaparates.