O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e técnicos da empresa adxudicataria visitaron na tarde de onte as obras de aglomerado que o Concello de Ferrol está a levar a cabo na Avenida do Mar, no barrio de Caranza.
Esta actuación forma parte do conxunto de obras que o goberno local está a levar a cabo na cidade na actualidade, xunto cos traballos de ampliación recentemente iniciados no acceso ao cemiterio de Serantes, as reurbanizacións das rúas Carmen Curuxeiras e Basanta, a reparación de lousas no barrio da Magdalena, a ampliación da estrada de Pazos e o aparcamento municipal do CHUF, entre outros.
Obras na Avenida do Mar
As obras que se están a levar a cabo na Avenida do Mar afectan a preto de dous quilómetros -desde a glorieta entre a rúa Telleiras e a Avenida Castelao e o acceso á Avenida das Pías- e contan cun prazo de execución de dous meses. A inversión total ascende a 149.900 euros.
Na súa visita ás obras de aglomerado, o alcalde percorreu a zona na que se está a traballar na actualidade, o tramo comprendido entre o conservatorio e a rúa Masaía. Os traballos inclúen a pavimentación e asfaltado «dunha das arterias con maior tránsito de vehículos da cidade», asegurou o alcalde.
Ademais da mellora do firme inclúense nas obras a reposición das bandas redutoras de velocidade, o pintado do viario, incluíndo pasos de cebra, zonas de estacionamento, carga e descarga así como a mellora da sinalización. Neste senso, dixo Mato, «desde o Concello estamos a traballar para poñer a nosa cidade como merece».
Humanización en Fontelonga
Tras comprobar o avance dos traballos na Avenida do Mar, o alcalde interesouse polas demandas dos veciños do e, acompañado por representantes veciñais, atendeu as súas inquietudes. Entre elas, os avances no proxecto no que o Concello de Ferrol está a traballar co fin de humanizar a zona axardinada do parque Fontelonga, tamén en Caranza.