O inicio do curso da Escola de Participación Cidadá de Narón foi presentado esta mesma mañá pola concelleira de Participación Cidadá, Catalina García. «Comezamos cunha programación ampla e variada porque queremos que a cidadanía naronesa participe con nós para facer xuntos o Narón que todos queremos», asegurou.
«Introducir a perspectiva de xénero na participación cidadá»
A edil anunciou que a primeira actividade programada son as xornadas formativas «Introducir a perspectiva de xénero na participación cidadá», que se desenvolverán virtualmente –debido á situación sanitaria- os días 15 e 22 de outubro de 17.00 a 19.00 horas.
Diríxense á cidadanía en xeral e están abertas ao tecido asociativo e a persoal do Concello, podendo inscribirse ata o 12 de outubro a través do correo electrónico: [email protected] ou chamando ao número de teléfono 603 865 413.
Información en todos os puntos da cidade
García explicou que o equipo da Escola de Participación Cidadá informará sobre o programa en todos os barrios e parroquias de Narón -ata o 12 de outubro- e indicou que se está traballando nunha enquisa dirixida ao movemento asociativo do municipio e tamén nunha acción comunitaria que se desenvolverá ata finais de ano para dar visibilización e cohesión ao tecido asociativo e que culminará cun vídeo.
«Entre outubro e novembro desenvolveranse os Consellos Territoriais que están recollidos no Regulamento de Participación Cidadá do Concello e debido á actual situación sanitaria, algunhas xuntanzas terán que desenvolverse de xeito telemático -aquelas nas que por aforo sexa máis seguro- o que levará implícita unha formación para que todas as entidades poidan participar en igualdade de condicións», asegurou a edil naronesa.
Así mesmo, García destacou que o programa formativo a desenvolver «tamén contempla axudar ás entidades no senso de facilitarlles ferramentas para realizar trámites burocráticos nas administracións, como por exemplo para tramitar subvencións, presentar proxectos, desenvolver programas, como dinamizar os barrios…».
A maiores das visitas, este obxectivo tamén se acadará a través dos días que se estableceron para atender á cidadanía na Casa da Cultura, os xoves de 10.30 a 13.30 horas -previa cita- e a través do teléfono 603 865 413 de luns a venres entre as 10.30 e as 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas.
Previsións para o 2021
En canto ao vindeiro ano, García explicou que se prevén retomar os plenos escolares con alumnado de terceiro e cuarto curso da ESO. «Retomaranse sempre que as circunstancias o permitan e que os colexios poidan desenvolver esta actividade», apuntou.
A plataforma www.naronparticipa.es donde se someten a información pública e se abren a suxestións certas normativas do Concello, continuará operativa e tamén se creará un espazo para que as entidades poidan comunicar información de interese para a veciñanza.
Nesa mesma plataforma habilitáronse espazos específicos donde se recollen os Consellos Territoriais de cada parroquia. Por último, a edil recordou que a Escola de Participación ten funcionando dende xullo unha páxina de Facebook, unha conta de Instagram e unha canle de YouTube -EscolaParticipacionNaron- e animou ás veciñas e veciños a participar.