As entradas para o concerto que Salvador Sobral ofrecerá o 24 de outubro no Auditorio de Ferrol están á venda dende esta mañá en Ataquilla.com a partir de 16 euros. O artista portugués, gañador do Festival de Eurovisión 2017, vén de publicar un novo traballo, Alma nuestra, xunto a Víctor Zamora -piano-, Nelson Cascais -batería- e André Sousa Machado -baixo-.
Xuntos forman tamén a banda Alma Nuestra, unha formación que traballa os sons latinoamericanos e o jazz. O concerto comezará ás 21.00 horas, e a apertura de portas será ás 20.30.
Tamén dende hoxe se poden adquirir os billetes para asistir ás obras The Primitals Bros, unha comedia musical para público familiar a cargo de Yllana Teatro, e Quitamiedos, da compañía Kulunka. Neste caso, están á venda na plataforma do Concello de Ferrol (www.ferrol.gal/jofre). Para adquirilas é necesario estar rexistrado, un trámite que se pode realizar de xeito moi sinxelo no mesmo portal web.
The Primitals Bros
The Primitals Bros é a historia surrealista dunha tribo coas súas loitas intestinas, os seus soños de grandeza, os seus desequilibrios mentais e os seus abusos chamánicos, que forman unha descarga de humor e calidade musical.
Representarase o sábado 10 de outubro no Jofre e segundo as previsións a función, cunha duración de hora e media, comezará arredor das 20.30. O custo para poder presenzar a obra é de 10 euros.
Quitamiedos
Quitamiedos está programada para o domingo 18 ás 19.00 tamén no Teatro Jofre. A súa duración aproximada é de unha hora e vinte minutos e o seu prezo é de 10 euros.
A obra, para maiores de 12 anos, expón que dende que unha persoa morre ata que o seu corpo se arrefría e se funde coa temperatura ambiente está a producirse o encontro do falecido co seu anxo da garda para confrontar en clave de traxicomedia a dous amantes -un ideal e outro humano- e reflexionar acerca do amor e as súas contradicións.
Programación para outubro
Dentro da programación cultural deste mes tamén está incluído o espectáculo infantil -a partir de 5 anos- gañador do Premio Feten 2016 «Óscar, el niño dormido», que se representará no Jofre o domingo 11 ás 19.30 horas. As entradas, cun prezo de 4 euros, están á venda na plataforma do Concello.
No mesmo portal pódense mercar os tickets para o concerto que Sheila Patricia Banda ofrecerá no teatro ferrolán o 16 de outubro a partir das 20.30 horas. O seu prezo é de 6 euros.