A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou o porto de Barallobre para supervisar os traballos de reparación realizados na barreira de protección das instalacións náuticas deste peirao do concello de Fene, que se vira danada polo temporal Amelie o pasado 3 de novembro. Ademáis a responsable de Portos mantivo unha xuntanza cos representantes da confraría de pescadores.
As obras realizadas contaron cun investimento de máis de 130.000 euros, supuxeron a reparación da totalidade dos elementos da barreira de protección e das instalacións náutico-recreativas que se viron afectadas polo temporal. Efectuáronse traballos como o amarre das pantallas de protección mediante cabos para evitar que quedasen á deriva, a recuperación do material que se soltou da barreira e a retirada de elementos inservibles.
Outros labores incluídos nesta obra foron a elevación das barreiras que quedaron suxeitas por cabos, o desmonte das anelas superiores e inferiores rotas e a montaxe das novas. Ademais, unha vez rematados os traballos anteriores, reparáronse os fingers afectados polo temporal nas instalacións náutico-recreativas.
Discussion about this post