Prado Rúa relata o intento de agresión sexual que sufriu en Santiago e denuncia a revitimización posterior

A creadora de contido galega explica como, tras resistirse ao ataque, tivo que afrontar tamén o cuestionamento social e as limitacións legais na interpretación do caso.
Prado Rúa relatou nas súas redes sociais o intento de agresión sexual que sufriu o pasado mércores en Santiago de Compostela.
A creadora de contido compartiu en Instagram o seu testemuño sobre a agresión e a resposta que recibiu despois de facer público o caso | IG PRADORÚA

A creadora de contido galega María Rúa Rodríguez, coñecida nas redes como Prado Rúa, compartiu nas súas redes o episodio de violencia que viviu o pasado mércores pola noite en Santiago de Compostela, cando regresaba soa á casa e un home a seguiu na rúa antes de intentar levala cara a unha zona apartada.

“Como sabedes, o mércores pola noite sufrín unha agresión cando volvía para a miña casa”, explicou nunha mensaxe dirixida aos seus seguidores, na que tamén agradeceu o apoio recibido nas primeiras horas tras facer público o sucedido.

Segundo o seu relato, todo comezou cando notou que un home se lle achegaba por detrás mentres lle falaba en inglés. Levaba un obxecto contundente na man —un adoquín— e insistía en conducila cara a unha zona máis escura e sen tránsito. Entendeu que non se trataba dun simple episodio de intimidación, senón que o obxectivo do home era violala: «As intencións desa persoa estaban claras, que eran intimidarme e despois seguramente aplicar violencia sexual», explicou, engadindo que se a intención fose matala, o atacante simplemente «zoupábame por detrás co adoquín e fóra».

Cando foi denunciar o caso ante a Policía, Rúa topou cunha actitude tan sutil como recorrente. Segundo explica, os axentes non se limitaron a recoller os feitos, senón que deixaron caer comentarios sobre o perigoso que era camiñar soa a esas horas da madrugada.

Para a creadora, este tipo de reproches desprazan de xeito inxusto a responsabilidade cara á muller, polo que reivindicou con firmeza o seu espazo de liberdade: «Eu teño dereito a ir pola rúa a hora que me pete. Esa persoa non ten dereito a violentarme. Punto».

Á hora de tramitar a denuncia formal, Rúa topou con outro muro: as normas da propia lei. Ao no existir unha relación de parella co agresor, explicáronlle que o caso no se podía catalogar como violencia de xénero. Para colmo, como ela logrou defenderse e evitou que o home a tocase, o asalto tampouco encaixou como violencia sexual.

A influencer amosou a súa impotencia ante un sistema que parece restar gravidade ao delito precisamente por fuxir del: «Ah, vale, xenial, porque non lle deixei tocarme nin porque me deixei levar a outro sitio», ironizou sobre a desconexión entre o trauma vivido e o que din os papeis.

Co paso das horas, o caso tamén tivo impacto nas redes sociais, onde a súa publicación xerou unha forte onda de apoio, pero tamén reaccións de descrédito. Segundo relatou, recibiu mensaxes que puxeron en dúbida o sucedido con frases como “isto é un invento de manual” ou “a próxima vez di que te abduciron os extraterrestres”, exemplos que ela citou para ilustrar o nivel de cuestionamento ao que se ven sometidas moitas vítimas cando fan público un episodio de violencia.

A iso sumouse o intento de instrumentalizar o seu trauma para alimentar discursos xenófobos na rede, un fío que cortou de raíz aclarando que o atacante procedía do norte de Europa: «No, non é moro, é de Europa, é dun país do norte de Europa».

Pese ao impacto do ocorrido e á frustración de saber que o agresor seguía en liberdade días despois e mesmo fora visto protagonizando novos altercados no centro de Santiago, Prado Rúa pechou o seu testemuño cunha decisión clara: «Vou seguir traballando aquí, vou seguir saíndo de festa e vou seguir facendo o que me salga da cona».

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.