O Concello de Narón anunciou a través da concelleira de Formación, Natalia Hermida, que mantense aberto o prazo de inscrición, ata o vindeiro 5 de outubro ás 13.30 horas, dun curso de «Instalación de parqué e tarima, lixado e vernizado», do Programa municipal de Formación.
A edil indicou que se ofertan un total de 15 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Esta acción formativa diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, que non deben ter concedido outro curso do programa de formación municipal coincidente temporalmente na realización.
400 horas de curso e 100 de prácticas
O curso consta dun total de 400 horas e está previsto impartilo do 13 de outubro ao 23 de decembro nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. O horario previsto serían oito horas diarias, de luns a venres de 7.00 a 15.00 horas na aula, e as prácticas en empresa realizaranse no horario que se determine, tamén durante oito horas diarias -ata completar as 100 incluídas no cómputo total das 400 do curso-.
O alumnado abordará temas como Prevención de riscos laborais e ambientais específicos do sector; Equipos e medios de aplicación de vernices e lacas; Tipos de chans de madeira e derivados, características, materiais e usos; Complementos -rastreis, illamento, fixación, ferraxes…-; Lixado: finalidade e técnicas; Lixas: tipos, características, parámetros de desgaste, etc.
Prazo de inscrición
As inscricións poden presentarse no Rexistro do Concello -hoxe 30 de setembro de 8.30 a 13.00 e dende mañá ata o 5 de outubro de 8.30 a 13.30 horas), na Sede Electrónica de Narón ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse á páxina web do Concello (www.naron.es, no apartado de Formación) ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).