O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o reitor da UDC, Julio Abalde, visitaron esta mañá as instalacións da Clínica Universitaria de Podoloxía, no Hospital Naval, onde se levará a cabo a prestación podolóxica a persoas sen teito e en exclusión social, a través dun convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña que se formalizará nos próximos días.
Estiveron acompañados polo xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, e a vicerreitora, María Jesús Movilla. O novo convenio, para o que o Concello aportará 5.000 euros anuais, acorda a prestación dunha asistencia integral podolóxica a 70 pacientes derivados dos servizos sociais do Concello.
Atención aos colectivos máis vulnerables
Incluirá servizos de quiropodoloxía, ciruxía podolóxica, exploración e biomecánica, ortopodoloxía e pé de risco. O convenio de colaboración terá vixencia no curso académico 2020-2021, se ben poderá ser prorrogado por mutuo acordo das partes ata dous cursos académicos máis.
Tras visitar as instalacións, Mato asegurou que a achega municipal supón un investimento social para a veciñanza máis vulnerable. Pola súa banda, a concelleira expresou que ademais de prestar un servizo gratuíto, a posta en marcha do convenio «facilitará o desenvolvemento de prácticas por parte dos estudantes nunha clínica de gran prestixio».