Este mércores 30 de setembro é un día especial para O Parrulo Ferrol e a súa afección, posto que o club acaba de presentar os seus equipamentos oficiais de xogo para esta nova tempada 2020-2021. O acto tivo lugar en Somos Fútbol Narón, distribuidor oficial da roupa do equipo, ao cal acudía o director deportivo, Iván López, acompañado dos xogadores Adri e Isma, como os porteiros Víctor Espíndola e Marc García.
Camiseta con varias novidades
Mercury seguirá sendo o patrocinador técnico oficial do Parrulo Ferrol, nunha camiseta cunha liña continuista, pero que ten varias novidades, que eran presentadas por Iván López, como é a bandeira de Galicia nas costas, a frase #EstoEsFerrol na parte superior dereita da camiseta e,uns centímetros máis abaixo, unha ilustración «dunhas persoas animando, que é o símbolo da afección da Malata».
Decidiuse incluír á afección este ano na camiseta «porque sempre están aí connosco, sempre nos están apoiando e nesta tempada vai haber xente na bancada, pero non toda o que quixésemos ter, polo que decidimos levala na camiseta connosco», remataba o director deportivo.
A nova equipación xa se pode reservar en Somos Fútbol, que está situada na rúa Vigo, 20 -A Gándara, Narón- para as persoas residentes en Ferrol e comarca, como tamén no teléfono 881.294.363 para as persoas non residentes.