O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visitou hoxe o Concello de Oroso, onde mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Manuel Mirás Franqueira. Losada e Mirás, xunto a outros concelleiros de Oroso, visitaron a glorieta da Foca en Sigüeiro, xa rematada e en funcionamento. “Este proxecto serviu para alixerar o tráfico, mellorar a seguridade viaria e humanizar a contorna”, afirmaron.
Coa nova glorieta, “reducimos os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sigüeiro polos vehículos que van dirección Santiago ou dirección A Coruña, ademais de mellorar o problema que temos cos vehículos pesados”, apuntou Manuel Mirás.
Con relación a este último aspecto, Mirás lembrou que “preto do 20% do tráfico que pasa pola N-550 en Sigüeiro é de vehículos pesados, por iso lle pido a Fomento que impulse o proxecto da nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”.
Losada comprometeuse a apoiar a infraestrutura e ambos coincidiron na necesidade de demandar “unha rebaixa nas tarifas da AP-9 para o tráfico pesado, unha medida que tamén serviría para reducir que os camións pasasen por Sigüeiro”.
Aproveitando a visita de hoxe ao Concello de Oroso, o delegado do Goberno e o alcalde Manuel Mirás supervisaron os traballos para consolidar os piares da ponte de Sigüeiro, tamén rematados, todo elo nun clima de coordialidade e máxima colaboración por ambas partes.