O pasado pleno municipal de Cariño aprobou por unanimidade o proceso de licitación do contrato para renovar a tecnoloxía LED toda a iluminación pública do municipio. A actuación, que entrará a licitación a próxima semana e que conta cun orzamento de 802.821 euros, supón un ambicioso proxecto de mellora da iluminación pública no municipio: modernizarase o sistema, cambiaranse os puntos de luz e lograrase un significativo aforro.
O concello será o primeiro en transformar toda a iluminación pública a tecnoloxía LED a través dun contrato exclusivamente público sen a intermediación de entidades privadas. A través deste proxecto cambiaranse a LED 1.546 luminarias e 23 cadros de mando. A renovación dos cadros por outros máis modernos que contan con sistemas de control remoto permitirá acender, apagar ou regular a intensidade de cada unha das luminarias en calquera momento e sen ter que acceder fisicamente ao sistema, simplemente a través dun teléfono móbil.
Para financiar estes traballos o Concello recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE). A través dos fondos FEDER da Unión Europea achegará 642.256 euros, o oitenta por cento, sendo os outros 160.564 euros achegados desde as arcas municipais. Así, completarase a renovación da iluminación pública no municipio, un plan que xa iniciou o goberno local a través doutras actuacións como a renovación de luminarias en Feás, Figueiroa e Sismundi.
Eficiencia enerxética e aforro
O aforro económico será cuantioso, xa que dos aproximadamente 100.000 euros que se gastan agora anualmente na iluminación pública estímase que se aforrarán 65.000 euros, pasando así a gastar un total de 35.000 euros ao ano. Isto é así porque, debido ás características do LED, ao baixar a potencia das lámpadas pódese optar a potencias contratadas menores. En canto ao consumo reducirase preto dun 50% o e ademais gañarase en visibilidade debido á maior potencia lumínica das lámpadas tipo LED.
O alcalde, José Miguel Alonso Pumar, destacou as vantaxes desta actuación xa que “o aforro que conleva permitirá amortizar en 3 anos o achegado polas arcas municipais. A partir de aí, cada exercicio haberá un aforro importante con respecto á situación actual que permitirá investir ese diñeiro en máis servizos para os veciños”. Ademais, quixo resaltar que “isto é un claro exemplo de que fóra das grandes urbes pódese cumprir cos compromisos da Unión Europea co planeta”.