O Concello de Ferrol poñerá en marcha este mesmo sábado unha gran recollida de produtos para doar ao Banco de Alimentos Rías Altas, tal e como anunciou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. O fin da campaña, explicou a edil, é que a sociedade ferrolá, “que é moi solidaria”, colabore co banco doando alimentos que merque nos establecementos participantes, ata o momento Lidl, Alcampo, Gadis, Eroski, Carrefour e Supercor. Pola súa banda, se ben Mercadona non participa directamente na campaña, realizará unha doazón cos produtos que escaseen tras finalizar a gran recollida. Participarán tamén os tres mercados municipais de Caranza, Recimil e A Magdalena.
A iniciativa ponse en marcha grazas á colaboración entre as concellerías de Benestar Social e de Seguridade que, “unha vez máis”, dixo Martínez Montero, “traballamos de forma conxunta para axudar aos máis vulnerables”. Será a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) a encargada de recoller os alimentos dos establecementos e trasladalos á nave do banco. Costoya, pola súa banda, quixo agradecer o labor desenvolvido pola agrupación, “sempre cunha disposición máxima a colaborar”.
O coordinador do Banco de Alimentos agradeceu ao Concello de Ferrol a “súa vontade de traballar con nós, sempre ao quite”, dixo, “para chegar aos máis necesitados”. A entidade axuda a preto de 4.000 persoas a través das 40 asociacións ás que subministra alimentos. Neste punto, González explicou que o recente descenso das reservas do banco débese ás “dificultades que temos agora, polo covid-19, para desenvolver recollidas de alimentos co voluntarios”. Os clientes “non saben que recollemos alimentos porque é fácil que non se fixen nos carteis”. A campaña comeza o día 10 de outubro e alargarase entre 15 e 30 días dependendo do establecemento participante.