O Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña converterase este venres e sábado, 6 e 7 de febreiro, no escenario dunha fonda reflexión sobre o legado costeiro galego. As xornadas «Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña», integradas no programa de Aulas Científicas «A luz da ciencia» da Deputación da Coruña, foron presentadas esta semana como unha proposta para debullar o patrimonio desde unha óptica plural, inclusiva e contemporánea.
Na presentación oficial do evento, o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destacou que esta iniciativa busca ampliar a visión tradicional do noso mar, incorporando dimensións que forman parte da identidade colectiva pero que moitas veces foron ignoradas. Penas fixo especial fincapé na necesidade de dar visibilidade a relatos tradicionalmente invisibilizados, como o papel das mulleres no mar, a tradición oral ou a arquitectura industrial, contando para iso cun elenco de especialistas de primeiro nivel. Pola súa banda, Leo González, responsable de proxectos de Trivium, subliñou que o encontro se basea na interdisciplinariedade e nun concepto plural de patrimonios, integrando desde a paisaxe sonora ata o audiovisual galego.
O programa arrancará o venres ás 10:00 horas coa inauguración institucional e a conferencia de Olaia Fontal, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España, quen analizará como transformar os vínculos que nos unen ao noso legado. A mañá continuará centrada no ámbito laboral e de xénero coa intervención de Luisa Muñoz, directora da Cátedra Juana de Vega, sobre as mulleres na industria marítima dos séculos XIX e XX. Posteriormente, unha mesa redonda con Sandra Amézaga (Mulleres Salgadas), Bibiana Martínez (Histagra) e o mariñeiro Rogelio Queiruga porá sobre a mesa os retos da igualdade e o coidado do medio mariño.
A sesión de tarde explorará o patrimonio subacuático e a memoria dos naufraxios co historiador naval Fernando Patricio Cortizo, para dar paso despois á dimensión inmaterial e sonora do litoral coas achegas de Xoán-Xil López e Faia Díaz. A xornada completará o seu percorrido pola memoria colectiva coa experiencia da Asociación Cultural Os Patexeiros de Sada e unha conversa literaria titulada «A palabra é un navío», na que participarán o poeta Xosé Iglesias e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
O sábado 7 de febreiro o foco desprazarase cara á paisaxe litoral, o patrimonio industrial e a reutilización de bens históricos. Relatores como os arquitectos Carmen Fabregat e Óscar Fuertes, o especialista Àlex Aguilar e Uxía Caride analizarán como os espazos industriais e a paisaxe patrimonial se integran hoxe na cultura e no audiovisual. O peche destas xornadas será un acto de reivindicación da identidade colectiva a través da palabra de Quico Cadaval, quen unirá memoria e comunidade para demostrar que o patrimonio do mar segue sendo un espazo vivo e en constante transformación.


