Okupan unha nave abandonada en Santiago para crear un centro cultural: «Só queremos facer barrio»

O colectivo "A Miñoca" acaba de okupar unha nave abandonada na rúa García Blanco, en Sar: queren convertela "nun centro social autoxestionado e aberto á veciñanza"
CSOA A Miñoca Santiago García Blanco

Un grupo de mozos e mozas agrupados arredor do colectivo A Miñoca ocupou unha antiga nave industrial situada na rúa García Blanco, no barrio compostelán de Sar, coa intención de transformala «nun centro social autoxestionado e aberto á veciñanza». O inmoble, situado xunto á libraría-cinema Numax e a Sala Capitol e fronte ao colexio da Inmaculada, levaba máis de quince anos sen uso.

A través dun comunicado, o colectivo preséntase como un “Centro Social Okupado Autoxestionado Anarquista (CSOA)” creado “co único propósito de facer barrio”. Os integrantes aseguran que a okupación busca recuperar un espazo abandonado nun contexto no que, denuncian, Compostela perde veciñanza e comercio tradicional mentres aumentan os pisos turísticos.

PUBLICIDAD

«Sabemos que a palabra ‘okupa’ pode xerar desconfianza e entendemos que haxa preguntas, por iso
queremos presentarnos como é debido», aseguraba o colectivo nun comunicado no que avanzaban que terán actividades para todas as idades, «onde as crianzas, as nais e as avoas poidan coincidir e aprender unhas das outras». «Porque iso tamén é resistencia: recuperar o tempo e o espazo para vivir xuntas», conclúen.

“Un lugar onde reunirse sen consumir”

“Somos xente do barrio e da cidade que bota en falta lugares onde reunirse sen consumir nin pedir permiso”, sinalan desde A Miñoca. Ademais, reivindican a herdanza doutros proxectos comunitarios que existiron en Sar, como a Casa do Peixe ou a Casa Encantada, aos que atribúen un papel importante na creación de tecido social e comunitario.

Segundo explican, escolleron esta nave porque consideran que simboliza a transformación urbanística e social da cidade. O colectivo sostén que o propietario proxecta derrubar o edificio para construír apartamentos turísticos, unha idea que rexeitan frontalmente. “Máis cemento e menos barrio”, resumen.

Obradoiros, teatro e actividades gratuítas

A Miñoca pretende converter o espazo nun punto de encontro veciñal con actividades gratuítas e abertas a todas as idades. Entre as propostas que avanzan figuran obradoiros de carpintería, electricidade ou fontanería, ademais de teatro, baile, coro, bordado, coidado de plantas e actividades deportivas.

O obxectivo, indican, é que crianzas, persoas adultas e maiores poidan compartir coñecementos e tempo nun espazo común. “Recuperar o tempo e o espazo para vivir xuntas tamén é unha forma de resistencia”, defenden.

O colectivo aposta ademais por un modelo de funcionamento baseado na autoxestión e na organización horizontal, sen subvencións nin intermediarios institucionais. Aínda que recoñecen que o inmoble ten propietario, xustifican a ocupación argumentando que o edificio permaneceu abandonado durante anos e que o seu proxecto pretende “dar vida” a un espazo sen uso.

Chamamento á colaboración veciñal

Mentres avanzan nas tarefas de acondicionamento, os ocupantes iniciaron unha campaña para solicitar colaboración cidadá. Para este xoves convocaron unha xornada aberta de traballo a partir das 17:00 horas, na que piden achegas de mobiliario, cadeiras, mesas, estanterías, material de limpeza e elementos de decoración para habilitar a nave.

A apertura deste novo espazo lembra a outras experiencias similares na capital galega: ademais da Casa do Peixe ou a Casa Encantada, os referentes que indican desde A Miñoca, o máis coñecido nos últimos anos foi o CSOA Escarnio e Malidzer, na Algalia de Arriba, cuxo desaloxo policial en 2017 rematou con disturbios e varios detidos. Tras recuperar a súa actividade, este espazo foi desaloxado de novo en xaneiro deste mesmo ano.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.