Xosé Penas: “O patrimonio marítimo ten que ser un recurso en positivo”

No marco das xornadas Memoria entre mareas, Xosé Penas defende unha visión do patrimonio marítimo ligada ás persoas, á memoria e ao territorio
Xosé Penas intervén nas xornadas Memoria entre mareas sobre patrimonio marítimo na Coruña
O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, durante a súa intervención nas xornadas Memoria entre mareas, dedicadas a repensar os patrimonios marítimos da provincia.

As xornadas Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña celebráronse esta fin de semana na Coruña coa intención de abrir o foco sobre un patrimonio ligado ao mar que, segundo se repetiu ao longo das intervencións, segue a estar pouco recoñecido. A iniciativa, impulsada pola Diputación da Coruña, reuniu investigadoras, creadoras, profesionais da cultura e persoas vencelladas ao territorio para falar de paisaxe, memoria, oficios, tradición oral, patrimonio subacuático e perspectiva de xénero.

O programa contou con perfís diversos, desde o ámbito académico ata o divulgativo e artístico, coa participación de voces como a da pedagoga Olaia Fontal, a investigadora Ana Cabana, a antropóloga Uxía Rodiño ou o narrador e comunicador Quico Cadaval, entre outros. Un enfoque coral que buscou afastarse dunha visión estritamente monumental do patrimonio para poñer no centro ás persoas e ás prácticas cotiás vencelladas ao mar. Nese contexto, o deputado de Patrimonio, Contratación e Equipamento da Deputación, Xosé Penas (BNG), sitúa o sentido político e institucional das xornadas: “O que estamos a ver nestas xornadas é parte do noso patrimonio que ata agora estaba bastante agochado”, di. Nun territorio con máis de 2.500 quilómetros de costa, insiste en que Galicia conta cun “patrimonio vivo, real” ao que moitas veces “non lle damos a importancia que realmente merece”.

Máis alá das pedras

Para Penas, un dos acertos do encontro é ampliar a definición de patrimonio. “Non falamos só das pedras, por dicilo dalgunha maneira, senón sobre todo da xente que fai posible ese patrimonio”. Refiérese ás persoas que viven do mar e para o mar, ás historias transmitidas xeración tras xeración e aos saberes asociados aos oficios mariñeiros.

Estamos falando de lendas, de historia, de pesca, de mulleres que dedicaron a súa vida ao patrimonio e ao mar”, sinala, en referencia aos contidos que aparecen nas mesas e relatorios. Ese patrimonio, defende, non pode quedar reducido a unha etiqueta cultural: “Desde as administracións temos a obriga de protexelo e poñelo en v alor”.A partir de aí, fixa unha idea central: “O patrimonio non pode ser un problema. Ten que ser un recurso en positivo”, tamén como fonte de cohesión social, identidade cultural e actividade económica.

O deputado defende que o enfoque das xornadas sexa necesariamente transversal. “Falar do patrimonio sen falar da xente é deixar fóra a realidade”, afirma. Para el, quen constrúe o patrimonio é “a xente que habita no territorio”, tanto a través das historias do pasado como das prácticas que seguen vivas. “Falamos de cousas que pasaron, pero tamén de cousas que acontecen día a día”, di, ao explicar que unha das intencións do encontro é dar voz a experiencias persoais e colectivas que adoitan quedar fóra dos discursos institucionais. “Traemos xente que nos conta as súas vivencias desde o punto de vista do patrimonio e da súa propia realidade”.

Ese proceso, engade, ten un compoñente clave: “É importante que a xente se achegue ao patrimonio e o sinta como propio”, algo que vincula directamente coa educación, “desde pequenos, pero tamén ata as nosas idades”.

Axudas e límites da Deputación

No plano máis operativo, Penas marca límites e posibilidades. “Proxectos específicos de patrimonio marítimo non hai, porque non temos capacidade operativa para separar un patrimonio doutro”. Con todo, detalla a principal ferramenta en marcha desde a Deputación: unha liña de subvencións directas para patrimonio en risco.

É unha liña dun millón de euros, que seguramente se amplía a dous, destinada aos concellos para actuar sobre patrimonio que estea en perigo”. Nesa convocatoria, explica, introdúcese un criterio específico: “Houbo unha lóxica especial para que se incluíse o patrimonio marítimo, porque sempre quedaba á marxe”.

A fórmula permite activar iniciativas desde o ámbito local. “As asociacións ou mesmo algún veciño ou veciña poden poñerse en contacto co seu concello e solicitar unha axuda para patrimonio marítimo”. A primeira fase péchase o 21 de xaneiro, aínda que “vai ampliarse” para incorporar novas solicitudes.

Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, nas xornadas sobre patrimonios marítimos celebradas na Coruña

Turismo e patrimonio: unha compatibilidade condicionada

Outra das cuestións recorrentes é a relación entre patrimonio e turismo. Penas recoñece que non sempre é doada. “Un dos problemas é como se combina patrimonio e turismo, porque ás veces sufrimos agresións derivadas dun determinado tipo de turismo”.

Sen xeneralizar, defende a necesidade de traballar tamén nun “turismo positivo”. Desde a Deputación, di, estase a avanzar nesa dirección: “O turismo ten que ser un recurso positivo, e o patrimonio debe estar ao servizo dun turismo de calidade”. Como exemplo, menciona o traballo con parques arqueolóxicos, concibidos desde o rigor patrimonial pero abertos á visita. “Queremos que a xente veña, que goce, que aprenda e que poña en valor o noso patrimonio”, sempre “desde o respecto e desde a educación turística patrimonial”.

Un chamamento máis amplo

No remate, Penas sitúa o valor das xornadas nun dobre plano. “Son importantes para chamar a atención da sociedade”, pero tamén “para chamar a atención das administracións”. A Deputación, lembra, non ten capacidade lexislativa e traballa con recursos limitados. “Hai outras administracións con máis orzamento e máis competencias que deberían implicarse máis”.

A mensaxe final volve ao punto de partida: “O patrimonio nunca pode ser un impedimento, senón un dinamizador de cultura e de economía”. Un fío que atravesa toda a súa intervención e resume a aposta institucional polo patrimonio marítimo da provincia.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.