O municipio de As Pontes de García Rodríguez, na comarca do Eume, prepárase para celebrar esta fin de semana a 45ª edición da Feira do Grelo, unha cita que terá lugar os días sábado 14 e domingo 15 de febreiro, converténdose un ano máis nun escaparate da exaltación do seu produto estrela. A freixoeira e as razas autóctonas galegas serán os grandes protagonistas dunha programación ampla que combina gastronomía, cultura, identidade e orgullo rural.
A feira comezará o venres 13 de febreiro, ás 20:30 horas, co espectáculo de monólogos “Dejarme solo” no Auditorio Cine Alovi, a cargo de Javier Traba, Dolly, Virginia Riezu e Juan Anillo, unha proposta humorística que servirá de apertura festiva e cultural.
Durante toda a fin de semana, a Rúa Ramón Cabanillas acollerá o tradicional mercado de artesanía e produtos de tempada, con grelos, produtos locais e demostracións de torneado e talla de madeira da man da Asociación Amigos da Madeira das Pontes. O mercado poderá visitarse o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00, e o domingo de 10:00 a 16:00 horas de forma ininterrompida.

Na Avenida da Coruña, funcionará a freixoeira, símbolo indiscutible da feira dende o ano 1987, cando foi construída por veciños da vila. Cun bidón de 60 litros sobre raíles que verte a masa sobre unha gran plancha de ferro, a freixoeira elabora os tradicionais freixós, doces típicos do entroido. Coordinada pola Asociación Veciñal Beiras do Eume, require o traballo conxunto de 15 persoas e é capaz de producir ata 200 freixós por hora, alcanzando preto de 20.000 unidades ao longo do evento. Este ano, abrirá o sábado de 9:00 a 13:30 horas e o domingo de 8:00 a 14:00 horas, cun prezo de 5 euros por lote de 10 freixós, e un límite de 20 unidades por persoa.
Tamén na Avenida da Coruña estará situada a carpa da BOAGA, aberta o sábado de 10:00 a 20:00 horas e o domingo de 10:00 a 16:00 horas, con exposición de razas autóctonas galegas como a Galiña de Mos, ovella galega, cabra galega e poldro galego, unha das actividades máis atractivas para os máis pequenos. Ademais da exposición, ofreceranse petiscos elaborados con carne destas razas –tenreira cachena, cabalo Pura Raza Galega e Galiña de Mos– que poderán degustarse o sábado de 12:30 a 15:00 horas e o domingo de 12:00 a 15:00 horas, en colaboración coa asociación AUTGA.
Na Praza de América, celebrarase o sábado 14 ás 11:30 horas un faladoiro sobre razas autóctonas, comercialización e políticas agrarias, con intervencións da Oficina Agraria das Pontes, representantes de BOAGA e o cociñeiro Antonio Díaz, que abordarán tamén o impacto da nova PAC post 2028 e o acordo Mercosur nas explotacións galegas.

A música tradicional acompañará o ambiente festivo ao longo da fin de semana. O sábado ás 11:30 horas actuará o grupo Os Trevillas, seguido de Canavella ás 13:30 horas. O domingo, será a quenda de No Cómbaro ás 11:30 horas e Paporrubio ás 13:00 horas, con cabezudos e transhumancia sonora polas rúas da vila.
O domingo tamén acollerá o tradicional Concurso de Cestas de Grelos, na Praza de América, coa recepción de participantes entre as 8:00 e as 10:00 horas, valoración entre as 10:00 e as 11:00, e entrega de premios ás 11:30 horas.
Un dos momentos máis agardados será o Xantar Popular, que se celebrará o domingo entre as 13:00 e as 15:00 horas no Patio de Santa María, cun menú composto por sopa de cocido, cocido completo con grelos, orella doce, pan e viño Mencía. O prezo será de 25 euros por persoa, cos tíckets dispoñibles dende as 12:30 horas na carpa de Santa María. Tamén se ofrecerá a opción de comida para levar.
Como colofón da feira, o domingo ás 18:00 horas, o Auditorio Cine Alovi acollerá o concerto “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troya”, a cargo de Troyanos de Compostela, cun percorrido pola música popular galega do século XIX. As entradas poden adquirirse na web municipal aspontes.sacatuentrada.es ou na billeteira unha hora antes da función.
Finalmente, o ambiente de entroido prolongarase ata o martes 17 de febreiro, ás 17:00 horas, co desfile de Entroido, que sairá da rúa Monte Caxado e estará amenizado pola Charanga Os Celtas, levando a festa polas rúas da vila.
Con esta edición, As Pontes reafirma o seu compromiso coa cultura, o produto local e o orgullo rural, ofrecendo unha feira que é moito máis ca un evento gastronómico: é unha verdadeira celebración da identidade e do futuro do territorio.

