A cidade de Santiago de Compostela conta xa cun novo símbolo de memoria histórica: unha estatua en homenaxe a Xosé Manuel Reboiras Noia, coñecido como Moncho Reboiras, sindicalista e dirixente nacionalista asasinado pola policía franquista en 1975.
A escultura, situada na céntrica Carreira do Conde, foi inaugurada nun acto institucional presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, quen destacou o compromiso da cidade coa recuperación e difusión da memoria democrática. A rexedora puxo en valor o papel activo da cidadanía neste proceso e a importancia de manter viva a lembranza das persoas represaliadas pola ditadura.
Unha obra artística aberta á cidadanía
A obra, realizada polo escultor Carlos Fernández en colaboración coa artista Cuqui Piñeiro, representa a Reboiras a tamaño real e en movemento, cunha presenza próxima á xente. A iniciativa partiu da Comisión Organizadora das Homenaxes e contou coa doazón da Fundación Moncho Reboiras.
No acto participaron representantes do nacionalismo galego, xunto con persoas da cultura e veciñanza, que quixeron acompañar esta homenaxe ao mozo de Dodro, morto con só 25 anos nunha acción da Brigada Político-Social en Ferrol nos últimos anos do franquismo.
Críticas do PPdeG pola instalación da estatua
A instalación da estatua non agradou ó Partido Popular: o portavoz municipal, Borja Verea, cuestionou a decisión do goberno local ao considerar que “rompe o consenso” existente arredor dos recoñecementos públicos.
Segundo explicou, o executivo formado por BNG e Compostela Aberta estaría a impoñer unha visión ideolóxica no espazo público, utilizando a cidade como ferramenta política. Verea cualificou a medida como un “erro político e institucional de fondo”, sinalando que o problema non reside só na figura homenaxeada, senón tamén no procedemento empregado.


