A praza da Quintana converterase o vindeiro 17 de maio nun gran escenario para reivindicar e celebrar a figura de Begoña Caamaño da man do espectáculo colectivo “Circes e Morganas”, que mesturará música, poesía e creación audiovisual coincidindo co Día das Letras Galegas, dedicado este ano á autora compostelá.
A presentación da iniciativa tivo lugar este luns en Santiago de Compostela coa participación da deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín Rei, así como de representantes da produtora Nordesía e de artistas participantes no evento.
Un espazo aberto para unha participación masiva
O espectáculo arrancará ás oito da tarde e pretende transformar a Quintana nun espazo festivo e aberto á cidadanía arredor das Letras Galegas. Sol Agra explicou que o obxectivo é crear unha celebración “participativa e dinámica” que sirva tamén para achegar o legado literario, feminista e social de Begoña Caamaño ás novas xeracións.
A proposta, concebida como unha cita “única e irrepetíbel” dentro da programación das Festas da Ascensión, animará á veciñanza a participar nun encontro cultural que quere reivindicar o espírito das personaxes simbólicas presentes na obra da autora homenaxeada.
Circes e Morganas contará cos rostros máis destacados
O cartel artístico de “Circes e Morganas” reunirá voces e proxectos destacados da creación galega contemporánea. Entre as participantes estarán Ana Romaní, Fillas de Cassandra, The Vacas, Uxía, A Pedreira ou Caamaño & Ameixeiras, entre outras artistas e formacións.
A Deputación tamén aproveitou a presentación para avanzar o conxunto de actividades previstas arredor das Letras Galegas, que abarcará unha proxección da autora durante todo o 2026. A programación incluirá distribución de publicacións sobre Begoña Caamaño en centros educativos e bibliotecas, ademais de obradoiros de lectura e escrita creativa, contacontos musicados e actuacións vinculadas ao proxecto “Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño”.
O cartel institucional desta edición foi creado pola ilustradora arzuá Andreea Birsanu, coñecida artisticamente como Silvatiica, cunha proposta inspirada no universo simbólico e feminista presente na obra da escritora homenaxeada.


