A creadora de contido galega María Rúa Rodríguez, coñecida nas redes como Prado Rúa, compartiu nas súas redes o episodio de violencia que viviu o pasado mércores pola noite en Santiago de Compostela, cando regresaba soa á casa e un home a seguiu na rúa antes de intentar levala cara a unha zona apartada.
“Como sabedes, o mércores pola noite sufrín unha agresión cando volvía para a miña casa”, explicou nunha mensaxe dirixida aos seus seguidores, na que tamén agradeceu o apoio recibido nas primeiras horas tras facer público o sucedido.
Segundo o seu relato, todo comezou cando notou que un home se lle achegaba por detrás mentres lle falaba en inglés. Levaba un obxecto contundente na man —un adoquín— e insistía en conducila cara a unha zona máis escura e sen tránsito. Entendeu que non se trataba dun simple episodio de intimidación, senón que o obxectivo do home era violala: «As intencións desa persoa estaban claras, que eran intimidarme e despois seguramente aplicar violencia sexual», explicou, engadindo que se a intención fose matala, o atacante simplemente «zoupábame por detrás co adoquín e fóra».
Cando foi denunciar o caso ante a Policía, Rúa topou cunha actitude tan sutil como recorrente. Segundo explica, os axentes non se limitaron a recoller os feitos, senón que deixaron caer comentarios sobre o perigoso que era camiñar soa a esas horas da madrugada.
Para a creadora, este tipo de reproches desprazan de xeito inxusto a responsabilidade cara á muller, polo que reivindicou con firmeza o seu espazo de liberdade: «Eu teño dereito a ir pola rúa a hora que me pete. Esa persoa non ten dereito a violentarme. Punto».
Á hora de tramitar a denuncia formal, Rúa topou con outro muro: as normas da propia lei. Ao no existir unha relación de parella co agresor, explicáronlle que o caso no se podía catalogar como violencia de xénero. Para colmo, como ela logrou defenderse e evitou que o home a tocase, o asalto tampouco encaixou como violencia sexual.
A influencer amosou a súa impotencia ante un sistema que parece restar gravidade ao delito precisamente por fuxir del: «Ah, vale, xenial, porque non lle deixei tocarme nin porque me deixei levar a outro sitio», ironizou sobre a desconexión entre o trauma vivido e o que din os papeis.
Co paso das horas, o caso tamén tivo impacto nas redes sociais, onde a súa publicación xerou unha forte onda de apoio, pero tamén reaccións de descrédito. Segundo relatou, recibiu mensaxes que puxeron en dúbida o sucedido con frases como “isto é un invento de manual” ou “a próxima vez di que te abduciron os extraterrestres”, exemplos que ela citou para ilustrar o nivel de cuestionamento ao que se ven sometidas moitas vítimas cando fan público un episodio de violencia.
A iso sumouse o intento de instrumentalizar o seu trauma para alimentar discursos xenófobos na rede, un fío que cortou de raíz aclarando que o atacante procedía do norte de Europa: «No, non é moro, é de Europa, é dun país do norte de Europa».
Pese ao impacto do ocorrido e á frustración de saber que o agresor seguía en liberdade días despois e mesmo fora visto protagonizando novos altercados no centro de Santiago, Prado Rúa pechou o seu testemuño cunha decisión clara: «Vou seguir traballando aquí, vou seguir saíndo de festa e vou seguir facendo o que me salga da cona».
