Galicia está a experimentar un notable auxe na venda de pazos e casas señoriais, un tipo de inmoble historicamente ligado á nobreza galega e ao patrimonio cultural do territorio. Estas propiedades, moitas delas en situación de abandono ou con escaso uso, están a espertar o interese de investidores e particulares que ven nelas unha oportunidade única para desenvolver proxectos turísticos, hoteis boutique ou residencias de alto nivel.
Oferta actual dos pazos en Galicia
O crecemento do turismo rural e do Camiño de Santiago está a impulsar esta tendencia, facendo dos pazos un ben cada vez máis un atractivo no mercado inmobiliario galego. Entre eles destaca o Pazo dos Azpilicueta situado en Pontedeume (A Coruña), cun proxecto aprobado para o hotel boutique cun prezo de 265.000euros; o Pazo dos Correa en Tomiño (Pontevedra), unha propiedade do século XVII con instalacións como capela, piscina e apartamentos por 1,5 millóns de euros; o Pazo de San Isidro, situado en Mondoñedo, por uns 800.000 euros que destaca polos seus grandes salóns e, en Ourense, o Pazo de Riobó (Casa Grande de Riobó), localizado en Cenlle, ofrecendo unha ampla extensión de terreo con viñedo e arquitectura histórica por arredor de 940.000 euros.

Debate nas redes sociais
Este fenómeno xerou unha preocupación social. Moitos alertan de que a venda de pazos pode supoñer unha perda de identidade cultural e patrimonial, especialmente cando estas construcións pasan a mans privadas sen garantías suficientes de conservación ou son transformadas en negocios que alteran a súa esencia histórica. Aínda que a rehabilitación permite darlles unha nova vida e evitar o seu deterioro, tamén abre un dilema entre a explotación económica e a preservación da memoria colectiva.
