A polémica polos exames da PAU 2026 en Galicia continúa medrando tras coñecerse novos detalles sobre os fallos detectados na proba de Debuxo Técnico. Segundo explicaron dende a propia CiUG, o exame presentou varias incidencias que obrigaron a introducir correccións en pleno desenvolvemento da proba. Estas deficiencias xeraron confusión entre o alumnado e provocaron que numerosos docentes cualificasen o exame “mal deseñado”.

O grupo de traballo responsable da materia recoñeceu a existencia de dous erros principais nos enunciados. O primeiro deles produciuse na versión en galego do apartado 2.1, onde aparecía unha frase inicial que non debía figurar. Este detalle introduciu dúbidas sobre se os apartados eran obrigatorios ou opcional, o que obrigou a emitir aclaracións durante o exame.
O segundo fallo detectado produciuse no apartado 3.1, coa inclusión dunha proxección horizontal adicional (A1) que non correspondía. Esta indicación tamén foi corrixida durante a primeira media hora da proba, indicando ao alumnado que debía eliminarse. Ante esta situación, a organización decidiu ampliar en media hora a duración do exame e garantiu que estas incidencias serían tidas en conta no proceso de corrección para evitar prexuízos ao estudantado.

O profesorado de Debuxo Técnico de distintos centros galegos reclamou a dimisión inmediata do grupo de traballo responsable e do seu director. Consideran que as “múltiples incidencias” evidencian que o equipo non estivo “á altura das circunstancias” nunha proba clave para o acceso á universidade.
A materia de Historia de España tamén xerou polémica
Nos últimos días tamén xurdiron críticas polo exame de Historia de España, especialmente por unha pregunta relacionada co socialismo e o anarquismo que, segundo docentes, non se axustaba ao previsto ou ao nivel adecuado.
A propia CiUG recoñeceu a gravidade do ocorrido e asegurou que trasladará todas as incidencias á Comisión de Avaliación. O obxectivo, segundo indicaron, é revisar tanto estes erros como outros que poidan aparecer durante a corrección, co fin de garantir que ningún alumno resulte prexudicado.
A CIUG pide desculpas e admite erros
O grupo de traballo expresou un pesar especial polo feito de que un dos erros afectase á versión en galego do exame, subliñando o seu compromiso coa lingua e cultura propias de Galicia. Esta circunstancia que tamén foi criticada por parte da comunidade educativa, que considera imprescindible extremar o rigor neste tipo de cuestións.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) fixo público un comunicado no que admite “profundamente” os erros rexistrados e pide desculpas ao alumnado, mentres o profesorado insiste en reclamar responsabilidades ao equipo encargado da súa elaboración.
