Món Fernández será o candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol en 2027

O deputado autonómico Ramón Fernández Alfonzo acaba de ser elixido por unanimidade como candidato, relevando así a Iván Rivas, que recentemente anunciou que non repetiría
Mon Fernández candidato BNG Ferrol Alcaldía 2027 Parlamento de Galicia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de confirmar a designación de Ramón Fernández Alfonzo, coñecido como «Món» Fernández, como candidato á Alcaldía de Ferrol nas eleccións municipais de 2027. A proposta foi aprobada por unanimidade pola asemblea local da organización. A candidatura tamén contou co aval unánime do Consello Local do BNG, feito que o partido interpreta como «unha mostra de unidade interna e de confianza» no proxecto político que se quere impulsar para a cidade.

Un proceso participativo dentro da organización

Segundo sinala o BNG, o procedemento de elección do candidato permitiu a participación do conxunto da militancia, que puido achegar propostas e formar parte activa da decisión final. A formación nacionalista subliña que este modelo reforza a idea de construción colectiva do proxecto político para Ferrol.

Mon Fernández conta con 51 anos de idade, medrou no barrio da Madalena —onde reside na actualidade— e é licenciado en Dereito. A súa traxectoria profesional estivo moi ligada ao sindicalismo, especialmente á CIG, centrada na defensa da mellora das condicións laborais das persoas traballadoras.

Percorrido político e actividade parlamentaria

Desde o ano 2020, Fernández é deputado no Parlamento de Galicia, onde exerce como unha das principais voces do BNG en relación coa realidade de Ferrol. Neste tempo, impulsou numerosas iniciativas vinculadas á defensa dos servizos públicos e das infraestruturas sociais.

No ámbito educativo, destacou a defensa de melloras en centros como o IES Concepción Arenal ou o IES de Ferrol Vello, así como a demanda de recursos para os departamentos de orientación. En materia de servizos sociais, trasladou demandas relativas ao CAPD Souto de Leixa, á residencia pública de Caranza ou á transferencia do CAMF.

No ámbito sanitario, o candidato nacionalista ten centrado boa parte do seu traballo no reforzo da atención primaria, na mellora da área de rehabilitación e na modernización das instalacións sanitarias.

Tamén mantivo unha liña constante de reivindicación en materia ambiental, especialmente na rexeneración da ría de Ferrol e na mellora dos sistemas de depuración, así como na defensa dun transporte público máis eficiente e mellores conexións ferroviarias para a comarca.

O sector naval constitúe outro dos eixos principais da súa actividade política, defendendo o seu potencial estratéxico e reclamando investimentos e a eliminación de limitacións que condicionan o seu desenvolvemento.

Cambio de liderado e proxecto político

A candidatura de Fernández chega nun contexto de relevo interno, tras anunciar Iván Rivas que non repetirá como cabeza de lista nas próximas eleccións municipais. O BNG agradeceu publicamente o seu traballo e dedicación á fronte da portavocía local nos últimos anos.

A formación nacionalista presenta esta aposta como «unha alternativa de goberno fronte ao Partido Popular», ao que acusa de «carecer dun proxecto de cidade e de afastamento das necesidades da veciñanza». O BNG sostén que o seu obxectivo é impulsar «un modelo de cidade centrado nos servizos públicos, a vivenda, a cultura e a mellora da calidade de vida nos barrios».

Mon Fernández defendeu a vontade de construír un Ferrol “vizoso, vibrante, inclusivo e orgulloso”, aberto á participación cidadá e centrado en ofrecer servizos e espazos de benestar para toda a veciñanza. A presentación oficial da candidatura terá lugar o vindeiro día 10 nun acto no que participará a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, onde se darán a coñecer as principais liñas estratéxicas da proposta municipal.

Ferrol inicia así a conta atrás cara ás municipais de 2027 coa primeira confirmación dun aspirante á Alcaldía. Pola súa banda, hai dúas semanas Ferrol en Común, Sumar, Anova, Esquerda Unida e Podemos anunciaron que se presentarían de forma conxunta, «aprendendo dos erros» das pasadas eleccións.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.