O equipo directivo do IES de Carral presentou a súa dimisión en bloque tras o conflito coa Consellaría pola decisión de implantar no centro un ciclo de Formación Profesional Básica sen consenso previo nin planificación compartida coa comunidade educativa.
A decisión chega nun contexto de forte malestar no centro, onde o claustro denuncia unha actuación que cualifican de imposta e sen diálogo suficiente, ao anunciarse a nova oferta formativa sen ter en conta nin os recursos dispoñibles nin a opinión do profesorado.
Unha decisión publicada no DOG sen consulta previa
Segundo a comunidade educativa, a Consellaría comunicou a intención de implantar o ciclo sen explicar os criterios da decisión nin avaliar previamente se o centro conta con espazos e instalacións axeitadas.
A situación agravouse cando a implantación foi publicada no Diario Oficial de Galicia mediante unha resolución, antes de que o claustro puidese ser informado ou consultado, o que xerou unha forte sensación de desamparo no profesorado.
Ante este escenario, o equipo directivo decidiu dimitir en bloque, unha medida que contou co respaldo do profesorado e das familias do alumnado actual do centro. A comunidade educativa considera que a decisión da administración supón unha ruptura co diálogo habitual e reclama que as decisións deste tipo se tomen con planificación e consenso real.
Folga e manifestación no IES de Carral
O claustro acordou convocar unha folga o mércores 17 de xuño, durante a súa xornada laboral, como medida de protesta. Ademais, o luns 15 está prevista unha manifestación que partirá do centro e rematará diante do Concello de Carral, coa participación de profesorado, alumnado e familias.
Durante unha concentración recente, o director xa dimitido leu un manifesto no que se subliñaba que o profesorado non se opón a ampliar a oferta educativa, pero esixe que se faga con criterios claros de planificación. Segundo o claustro, calquera nova ensinanza debería definirse tendo en conta os recursos reais do centro, as necesidades formativas do alumnado e o consenso entre a Xunta de Galicia, o Concello e o propio instituto
Críticas pola falta de encaixe territorial
O profesorado tamén cuestiona o encaixe do novo ciclo no contexto local, sinalando que esta FP Básica xa se oferta noutros centros próximos como A Coruña, Ordes ou Betanzos. Neste sentido, consideran que non existe unha relación clara co tecido produtivo de Carral, polo que reclaman unha análise máis profunda antes de introducir novas ensinanzas.
A organización CIG-Ensino expresou o seu apoio ás reivindicacións do centro e cualificou a actuación da administración como unha decisión sen diálogo suficiente coa comunidade educativa. O sindicato anima a participar nas mobilizacións convocadas e a apoiar as accións previstas nos próximos días, nun conflito que continúa aberto no IES de Carral.
