Vilagarcía converte a literatura nunha experiencia total con música, viaxes e grandes nomes nunha nova edición de “Cidade de Libro”

O evento literario, que se celebrará do 8 ao 14 de xuño no parque Miguel Hernández, reunirá figuras como Luz Gabás, Marta Robles, Miqui Puig ou Fernando Narla nunha programación que mestura libros, música, tecnoloxía e actividades interxeracionais
O alcalde, Alberto Varela, xunto aos concelleiros de Xuventude, Álvaro Carou, e de Cultura, Sonia Outón, na presentación da sexta edición do evento municipal incluído na marca VGA365 | Concello de Vilagarcía
O alcalde, Alberto Varela, xunto aos concelleiros de Xuventude, Álvaro Carou, e de Cultura, Sonia Outón, na presentación da sexta edición do evento municipal incluído na marca VGA365 | Concello de Vilagarcía

O parque Miguel Hernández volverá ser o epicentro cultural de Vilagarcía de Arousa entre o 8 e o 14 de xuño cunha nova edición de “Vilagarcía, Cidade de Libro”, un evento xa consolidado que aposta por un formato no que a literatura convive coa música, as artes escénicas, a tecnoloxía e a participación cidadá.

A cita reunirá autores de primeiro nivel do panorama galego e estatal, xunto con novas voces literarias, nun programa cheo de presentacións, sinaturas, obradoiros, espectáculos e encontros co público.

Actividades para todos os públicos e unha aposta pola innovación

Esta edición xira arredor de dous eixes principais: a música e as viaxes. Baixo esta premisa, o festival contará con nomes destacados como Luz Gabás, Marta Robles, Fernando Narla ou o músico e produtor Miqui Puig, entre outros. Os encontros literarios manterán as xa coñecidas “Conversas ao Solpor”, un formato máis próximo no que autores e público comparten reflexións sobre a creación, o oficio de escribir e o papel da cultura na sociedade.

O programa mantén o seu carácter interxeracional con actividades específicas para escolares polas mañás, que este ano se amplían tamén a centros de día, residencias de maiores e colectivos de persoas con necesidades especiais.

Entre as novidades destaca a experiencia inmersiva “Argonautas literarios”, unha proposta de viaxe no tempo que emprega figuras históricas da literatura galega para achegar a lectura dun xeito lúdico e participativo.

Outra das iniciativas innovadoras será a “Gruta dos libros esquecidos”, que combinará a distribución de libros por distintos puntos da cidade con dinámicas de xogo e o uso dunha aplicación móbil mediante códigos QR.

Poesía, misterio, memoria colectiva e viaxes literarias

O programa tamén dedica xornadas específicas a distintos xéneros literarios. A poesía terá o seu espazo con obradoiros, presentacións e encontros baixo o título “A voz que fende o silencio”, onde participarán autores como Yolanda Castaño ou Mario Obrero.

O homenaxe ás Letras Galegas centrarase en figuras como Xosé Luís Méndez Ferrín e Begoña Caamaño, reforzando o vínculo do evento coa literatura en galego e coa memoria cultural do país. A narrativa de intriga tamén terá protagonismo con autores como César Pérez Gellida ou Arantxa Portabales, nunha xornada dedicada ao xénero do suspense.

Un dos momentos máis esperados chegará coa xornada dedicada ás viaxes, na que participará Luz Gabás, que presentará a súa última obra e protagonizará unha travesía literaria na zona de Cortegada.

A música integrarase de forma directa no festival con propostas que exploran a relación entre creación sonora e literatura, coa participación de artistas como Miqui Puig ou a cantante Sés, ademais de xornalistas e produtores musicais que reflexionarán sobre a escritura vinculada ao eido musical.

Feira do libro, catas literarias e actividades na rúa

O evento contará tamén coa súa tradicional zona de casetas, onde librarías e editoriais locais presentarán as súas novidades. A isto súmanse espazos como o “Recuncho dos Contos”, con actividades infantís continuadas durante toda a semana.

Como peche, o festival incorpora as “catas literarias”, unha proposta que combina lectura e gastronomía con sesións de vermú e viño, nas que o público poderá maridar libros con produtos locais nun formato de aforo reducido.

Desde o Concello destacan que “Cidade de Libro” converteuse nunha das propostas culturais máis valoradas, tanto polo seu formato innovador como pola capacidade de atraer públicos diversos. En só cinco edicións, o evento consolidouse como unha das citas culturais máis destacadas do calendario galego, situándose entre os proxectos mellor valorados a nivel estatal dentro das convocatorias de axudas culturais do Ministerio de Cultura.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.