Cedeira construirá unha pasarela sobre o castro do Sarridal para protexer os achados arqueolóxicos

O proxecto recibirá 33.837 euros do programa provincial de protección do patrimonio cultural e permitirá compatibilizar o tránsito de visitantes coa conservación dos restos arqueolóxicos
Castro do Sarridal | Concello de Cedeira
Castro do Sarridal | Concello de Cedeira

O castro do Sarridal, considerado un dos xacementos arqueolóxicos máis relevantes do noroeste peninsular, contará proximamente cunha nova infraestrutura destinada a compatibilizar a súa conservación co tránsito de visitantes. A Deputación da Coruña concedeu ao Concello de Cedeira unha axuda de 33.837 euros para a construción dunha pasarela de madeira sobre o camiño que atravesa a contorna do enclave arqueolóxico.

Un paso elevado para protexer os restos

A actuación, valorada en 42.295,64 euros, permitirá salvar unha zona baixo a que se localizan vestixios xa escavados, evitando que o tránsito peonil poida afectar tanto á súa conservación como a futuras investigacións. O Concello asumirá os 8.459,64 euros restantes do orzamento.

Vista aérea do xacemento de Sarridal | Concello de Cedeira

A futura pasarela dará continuidade ao percorrido que conduce ata a cala das Sonreiras e o castelo da Concepción, dous dos espazos máis visitados da costa cedeiresa. Ademais de protexer os restos arqueolóxicos, a estrutura foi deseñada para mantelos á vista, facilitando a súa contemplación por parte de veciñanza e visitantes.

A axuda forma parte do programa provincial para actuacións de protección especial do patrimonio cultural. Nesta convocatoria presentáronse 48 proxectos de toda a provincia, dos que finalmente foron seleccionados 24.

Unha nova campaña arqueolóxica

Paralelamente á tramitación das obras, o xacemento volverá ser escenario dunha nova campaña arqueolóxica financiada polo Concello. O equipo de Axa Arqueoloxía prevé intervir nunha superficie de 80 metros cadrados situada entre o paramento exterior da muralla e o muro da sauna castrexa.

Os traballos teñen como obxectivo comprobar a posible existencia de estruturas anexas á fortificación e avanzar no coñecemento do sistema de canalización da auga vinculado á sauna, un dos elementos máis singulares descubertos ata o momento no castro.

Oito anos de escavacións

As campañas desenvolvidas durante os últimos oito anos converteron o Sarridal nun referente para o estudo da cultura castrexa e da posterior ocupación galaico-romana. As investigacións permitiron constatar que o asentamento estivo habitado durante preto de oito séculos, entre os séculos IV antes de Cristo e IV despois de Cristo.

Os sucesivos traballos de escavación e consolidación tamén sacaron á luz estruturas e materiais de grande valor patrimonial, reforzando a importancia científica dun enclave que continúa ofrecendo novas pistas sobre a historia antiga da comarca.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.