Hai películas que comezan ao grande. Moitas, que nacen dunha idea. E outras que xorden sen nin sequera decatarse de que o están a facer. Este último é o caso de Sen Alma, a primeira longametraxe do director Iago Barrado que, tras comezar coma unha simple proba de cámara -en sentido literal-, rematou por converterse na primeira película rodada integramente en Galicia e en galego en entrar no catálogo dunha das plataformas máis grandes a nivel global: tan só 2.000 euros de presuposto e un equipo técnico de tres persoas fixeron posible que chamara a atención de Amazon Prime.
E ti, como vivirías a fin do mundo?
Esa é, precisamente, a pregunta que rodea a Sen Alma. A película narra a historia de tres irmáns que loitan por sobrevivir e reunirse nun mundo arrasado por unha variante do virus da rabia, mentres intentan esquivar á poboación infectada.

Unha historia de terror apocalíptico ata agora non explorada na nosa comunidade que, dende o primeiro intre, sitúa ao espectador dentro do filme, preguntándose a si mesmo como sairía dunha situación extrema coma a que viven os propios personaxes. Porque ese é precisamente o obxectivo de Barrado: transmitir o caos ao outro lado da pantalla, unha fórmula máis que característica das súas producións audiovisuais.
Mais dende a dirección e guión non só se limita a manter en vilo ao espectador, senón que tamén explora os límites da personalidade baseándose nas reaccións de cada unha das personaxes. «Son as situacións complexas ás que se enfrontan as que sacarán o mellor e o peor deles», confesa.
E razón non lle falta, porque se algo nos distingue como persoas é a nosa resposta aos problemas que xorden no camiño. Ante o que consideras a fin do mundo, como actuarías? Sen Alma dá coa resposta.
O cine como paixón para soster un proxecto
Fran Nogueira, Cristina Leiras, Daniel Otero, Tomás Salvadores e Jorge Gallardo son os protagonistas desta historia de terror, que contou coa participación de Isabel Fidalgo e Daniel Currás. Un proxecto que comezou dende cero coa implicación de todos e cada un dos seus participantes, xa que «sen o seu esforzo, non sería posible sacalo adiante», asegura.

Porque Iago Barrado non só se amosa contento co resultado da que é a súa primeira película como director, guionista e montador, senón tamén agradecido ao equipo que o acompañou nun camiño que, dende un comezo, non foi nada sinxelo.
E é que a súa primeira película fíxose realidade grazas a tres técnicos con ilusión e ganas por sacar adiante o que sería un dos seus proxectos máis ambiciosos. Con Antón Ochoa baixo a brillante dirección de fotografía -así como cámara e colorista- e Sara Fernández como responsable de son, Sen Alma conseguiu captar dende o primeiro momento a esencia dunha Galicia sumida nunha vida sen control.

A banda sonora -un dos grandes piares do filme- vén da man de Miguel Bianchi e a mestura de son é obra de Gabriel Prado. Un pequeno pero gran equipo ao que tamén se sumaron os seus compañeiros de Galicia Bonita, programa da Televisión de Galicia, no que Iago Barrado traballa dende 2019 como operador de cámara e editor. Un oficio que compaxina coa súa paixón polo cine… e por facelo realidade. Porque Sen Alma é só o comezo.
Sen Alma ou como todo chega cando menos o esperas
Aínda que o resultado é máis que reconfortante para o equipo, a realidade é que ningún deles era consciente do que estaba por vir. Segundo narra o propio Iago, «todo comezou como unha proba de cámara». E foi xunto a Antón Ochoa -quen se convertería nun dos piares fundamentais de Sen Alma– con quen gravou unha escena dunha persecución nun túnel, alá polo ano 2019. Uns segundos aos que comezarían a darlle forma e, sen sabelo, se converterían no comezo dunha historia rodada na Coruña, Arteixo, Santa Comba, Cerceda e Cerponzóns, terra natal do director.

Faltaba o reparto e o guión. E Barrado non dubidou. Tras escribir e escribir, deu coa fórmula dunha curtametraxe á que non tardaron en chegaron os imprevistos. Mais se algo lle ensinou ao equipo de Sen Alma a ficción é que o importante é seguir adiante. E así, aínda que escolleron o camiño máis difícil e que contaban con tan só 2.000 euros de presuposto, remataron por crear a primeira película en galego e rodada en Galicia en conquistar Amazon Prime.
Cinzas, máis ca un proxecto cinematográfico
Agora, Iago Barrado ten por diante un proxecto aínda máis ambicioso se cabe. Cinzas é o nome da súa próxima webserie, que se atopa en fase de postprodución e verá a luz este verán da man dos seus grandes piares, Antón Ochoa e Sara Fernández. Un equipo técnico de primeira que, desta vez, suma dúas novas caras.
Por unha vez, Barrado pon en pause o caos e o terror que tanto o caracteriza no plano cinematográfico para dar forma á historia de dous nenos que viven o divorcio de seus pais. Un relato ambientado nos anos 90 que nos levará a unha perspectiva máis íntima e que evocará o neno que todos levamos dentro.
E é precisamente nesta nova historia onde Iago concentra agora todos os seus esforzos, co obxectivo de dar forma ao que apunta a ser a súa próxima gran produción audiovisual, na que busca repetir o seu particular selo creativo.
