Galicia vivirá este martes unha das xornadas máis calorosas que afectará á maior parte do territorio. Segundo as previsións meteorolóxicas, Ourense volverá a ser o punto máis quente do país cuna máxima prevista de 41º pero tamén se agardan valores moi altos en Lugo (38º), Santiago e Ferrol (37º) e Pontevedra (34º). Nas cidades de Vigo e Coruña espéranse arredor de 33º.

Este episodio de calor coincide coa celebración da noite de San Xoán, o que levou ás administracións locais a reforzar as medidas de prevención e seguridade ante o elevado risco asociado ás altas temperaturas e ás fogueiras. En Vigo mantense a prohibición de realizar fogueiras particulares. Unicamente poderán acender lume aquelas asociacións, entidades ou colectivos que conten coa autorización municipal correspondente e cumpran os requisitos de seguridade establecidos polo Concello.
As restricións serán aínda maiores en Nigrán, onde non estarás permitidas as fogueiras nos areais do municipio, especialmente en Praia América e Panxón. O operativo especial de vixilancia contará con dispositivos de control aéreo mediante drons para supervisar o cumprimento da normativa e previr incidentes.
Os modelos apuntan a un lixeiro descenso das temperaturas durante a madrugada do martes ao mércores, que seguirá sendo cálida pero algo máis soportable. A magnitude deste episodio queda reflectida nos avisos activados por MeteoGalicia. Un total de 238 dos 313 municipios galegos atópanse baixo algún nivel de alerta por altas temperaturas, o que representa arredor do 76 % do territorio municipal. A maioría dos avisos son amarelos, aínda que 44 concellos das zonas do Miño, o noroeste de Ourense e o sur de Lugo permanecen en nivel laranxa. Só algunhas áreas costeiras da Costa da Morte, Barbanza, as Rías Baixas e A Mariña quedan fóra dos avisos meteorolóxicos, beneficiadas pola influencia moderadora do océano.

As autoridades recomendan evitar a exposición prolongada ao sol nas horas centrais do día, manter unha correcta hidratación e extremar a precaución con persoas maiores, menores e colectivos vulnerables ante unha situación que converte esta véspera de San Xoán nunha das máis calorosas das que se ten constancia en Galicia.
No caso do deporte, a Xunta, a través de la Secretaría Xeral para o Deporte, suspendeu a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior entre as 12.00 e as 20.00 horas nas zonas afectadas pola alerta vermella, a excepción dos deportes náuticos e acuáticos federados, entre as 12.00 e as 18.00 horas nas zonas en alerta laranxa.
