O Concello de San Sadurniño vén de denunciar a situación na que se atapa o seu centro de saúde pola falta de persoal. Según explican desde o goberno local, a falla dun dos dous médicos de familia está provocando grandes retrasos nas citas. «Nesta situación o centro médico está dando citas a máis dunha semana vista -agás urxencias-, cando o habitual é obter vez para nun prazo de dous ou tres días», salientan. O Concello denuncia que se trata dun «problema habitual» cada vez que se producen baixas ou vacacións do persoal médico do Centro de Saúde e por iso volve demandar da Consellaría de Sanidade «que se garanta a cobertura permanente dos servizos».
Neste sentido, o Concello ten previsto rexistrar entre hoxe e mañá unha carta dirixida á xerencia de zona do SERGAS na que se insta ao servizo público a «corrixir unha situación reiterada nos últimos tempos» que se traduce na sobrecarga dunha das consultas e en demoras na atención «cando só hai un facultativo que deba asumir a relación de pacientes do que está ausente, sexa por razón de permisos ou debido a unha incapacidade temporal».
Unha situación de «merma na calidade do servizo» que, a xuízo do Goberno local, «se agrava nos casos en que o único médico dispoñible ten que saír para atender urxencias». O Concello denuncia, ademais, que o Centro de Saúde de San Sadurniño «vive nunha constante incerteza e precariedade«, recordando ao respecto a falla de servizo especializado de Pediatría «desde hai máis dun ano» e a recente interrupción temporal do servizo de Matronería, que obriga ás futuras nais a desprazarse a outros centros para seren atendidas.