No Concello de Ferrol dez axentes da Policía Local tomaron posesión da súa praza como funcionarios este xoves nun acto presidido polo alcalde, Ángel Mato, e no que estiveron tamén presentes o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, e o xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao.
Estes axentes deberán de pasar pola Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada (Pontevedra), e durante o verán e outono cumprirán os seus periodos de prácticas. Está previsto que a finais de ano cando completen a súa formación, pasen a estar plenamente integrados neste corpo.
Mato comunicoulles que agarda deles que sexan “unha extensión do propio Concello”, para que desta forman “poidan defender as ordenanzas municipais e o cumprimento das mesmas, para garantir o servizo público”, polo que perciben os seus salarios e para o que están “aquí”, en alusión tamén ao traballo que realizan os representantes políticos.
Proximamente tamén tomarán posesión das súas prazas outros seis axentes, dos cales dous deles entrarán tamén por oposición, aínda que xa eran policías locais noutros concellos e incorporaranse directamente. Os catro restantes tamén son axentes que proceden doutros municipios, pero neste caso gañaron a praza en Ferrol por mobilidade e que por iso tamén se incorporarán directamente en próximas datas.
Con estas incorporacións, o persoal da Policía Local de Ferrol estará próxima aos 100 efectivos, un número que segundo o rexedor supón “un incremento do número de axentes próximo a un 20%, moi necesario para poder prestar un servizo de calidade”.
Narón
En Narón, tres novos axentes se incorporarán ao plantel da Policía Local; dous deles o farán como funcionarios en prácticas e deberán realizar o período de formación práctica na Academia Galega de Seguridade Pública cunha duración total de nove meses. Un terceiro axente se incorpora xa como funcionario de carreira.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, deu a benvida ao Concello aos tres novos axentes e valorou o feito de que se poida incrementar o plantel da Policía Local da cidade, que estaba integrado por 36 persoas. Así mesmo, a rexedora local destacou o labor que cumprirán os novos axentes, en canto “a velar polo cumprimento da normativa vixente e tamén como garantes da seguridade das nosas veciñas e veciños”.
Discussion about this post