Dentro das medidas de apoio á veciñanza na actual situación de confinamento, o Concello de Moeche acaba de poñer en marcha un servizo de apoio domiciliario dirixido a aquelas persoas que vivan soas, que estean enfermas ou que teñan dificultades para desprazarse mediante o que lles facilitarán a adquisición de produtos de primeira necesidade, como poden ser alimentos, artigos de hixiene ou medicamentos.
Abondará con chamar ao 639 417 975 para contactar coa Administración local, quen avaliará a petición e, no caso de axustarse aos requisitos deste novo servizo, enviará unha persoa para facer o recado.
Quen cumpra con algún deses requisitos e non dispoña dunha rede familiar ou veciñal de apoio deberá chamar ao teléfono indicado. Unha vez analizada a petición “en base ao coñecemento que temos do territorio, por sermos un concello pequeno no que nos coñecemos todos e todas”, tal e como explica Beatriz Bascoy, a Administración local enviará unha persoa que tomará nota da lista da compra. “Sempre han de ser artigos de primeira necesidade”, precisa a alcaldesa, e tamén cumprirá que a persoa solicitante entregue unha cantidade económica suficiente para cubrir o custe da encarga. Nese momento tamén se estenderá un recibo no que figuren tanto os produtos como a contía económica que se lle entrega á persoa enviada polo Concello.
O consistorio tentará atender no mesmo día todas as peticións que reciba pola mañá, deixando para o día seguinte as que se reciban durante a tarde. Á entrega da mercancía -alimentos, produtos de hixiene ou medicinas- tamén se volverá o cambio e un novo recibo no que quede constancia das transaccións efectuadas con motivo do servizo, que é totalmente gratuíto.
Ortigueira
O Concello de Ortigueira adoptou hoxe unha medida similar para axudar aos veciños máis desfavorecidos do municipio. O novo servizo estará a disposición das persoas maiores, enfermas ou con mobilidade reducida para que poidan ter nas súas casas os medicamentos e alimentos que precisen. Chamando aos números de teléfono 981 402 542 ou 604 002 167 encargaranse de facer as compras que estas persoas necesiten e de levarllas aos seus domicilios.
Discussion about this post