O Vaticano deixaría aberta a porta para celebrar as procesións de Semana Santa noutra data tras a suspensión provocada polo coronavirus. A Congregación para o Culto Divino do Vaticano emitiu este venres un decreto para a Igrexa católica universal en relación á liturxia das celebracións propias da Semana Santa que se van a seguir realizando nalgúns templos, aínda que sexa a porta pechada e retransmitidas por televisión e polas redes sociais.
No seu último parágrafo, o decreto di o seguinte con respecto ás procesións: «As expresións de piedade popular e as procesións que enriquecen os días da Semana Santa e do Triduo Pascual, a xuízo do bispo diocesano poderán ser trasladadas a outros días convenientes, por exemplo, o 14 e 15 de setembro».
En virtude desta disposición, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, podería trasladar as procesións a unha data na que xa non haxa incidencia do Covid-19. A cancelación do evento en Ferrol supuxo un enorme contratempo para tódalas confrarías que participan na Semana Santa da cidade e para moitos veciños que seguen con devoción esta tradición ferrolá.
Ademáis, a cancelación do evento tamén supón un grave dano á economía local, xa que atrae tódolos anos a centos de miles de persoas procedentes de tódolas partes de España. Trala decisión da suspensión, que foi consensuada polo Diócese de Mondoñedo-Ferrol, a Xunta Xeral de Confrarías e o Concello de Ferrol, a festividade e a cidade poderían ter agora unha segunda oportunidade para celebrar nunhas condicións de seguridade a reclamada Semana Santa.