O alcalde, Ángel Mato, presidiu esta mañá unha xunta de voceiros dos grupos municipais, na que se avanzou nas medidas económicas que o Concello está en disposición de adoitar para prestar axuda ás persoas máis afectadas pola crise. Tamén de outras de carácter social, para as que existe “un amplo consenso” entre os grupos políticos. Tras analizar as diferentes posibilidades, Mato comprometeuse a presentar na próxima reunión cos portavoces, que se celebrará o mércores, unha proposta en firme do goberno local que inclúa diferentes achegas dos grupos.
O que xa avanzou o alcalde é que a intención é empregar boa parte do remanente de tesourería para crear unha liña de subvencións destinada a autónomos, pemes e traballadores. Serían dous millóns de euros que servirían para unha primeira convocatoria cunha tramitación o máis sinxela e rápida posible, mentres que arredor de 700.000 euros reservaríanse para as emerxencias sociais que o Concello xa está a atender e que as previsións apuntan a que se poidan incrementar ao longo dos próximos meses. O goberno local quere que estas medidas iniciais para a reactivación económica da cidade conten máis adiante cunha segunda convocatoria cando o orzamento municipal o permita.
Nese senso, o alcalde solicitoulles aos portavoces que entre todos analizasen as posibilidades para chegar a un acordo. Mato detallou que a proposta a curto prazo incluirá a concesión de contías fixas ás persoas físicas e xurídicas cuxa actividade se vira afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto do 17 de marzo e a quen sufra unha redución da facturación. A maiores, poderíanse establecer importes por cada traballador.
Discussion about this post