O goberno de Ferrol solicitará abrir o paseo da Malata durante as obras dos colectores

A concellería de Urbanismo trasladará a petición á comisión de seguimento encargada do proxecto constructivo
DCIM100MEDIADJI_0051.JPG
DCIM100MEDIADJI_0051.JPG

O concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Julián Reina, explicou hoxe na comisión informativa co resto de grupos políticos a súa intención de convocar á comisión de seguimento das obras da Malata —integrada polo concelleiro, un técnico municipal e dous membros de Augas de Galicia— a unha reunión na que o edil solicitará que se suspenda o corte do paso de peóns polo paseo marítimo da Malata.

Na actualidade non está permitido camiñar desde o inicio da ponte peonil, polo paseo da Mariña, ata a rotonda da saída da autovía á altura do estadio municipal. Reina achegouse onte mesmo á obra para comprobar a evolución dos traballos, que dependen do organismo dependente da Xunta de Galicia.

O concelleiro ten a vontade de poñer a disposición dos viandantes de Ferrol o maior espazo posible co obxectivo de que poidan gardar a distancia de seguridade mentres fan actividade física, agora que o Goberno central o permite por primeira vez dende o inicio do estado de alarma motivado pola epidemia da covid-19. Por elo levou dita proposta á comisión de hoxe, na que logrou o respaldo do resto de grupos municipais.

Trámites telemáticos

Na comisión de hoxe o concelleiro tamén comunicou aos grupos da oposición que o Concello de Ferrol está analizando distintos modelos de atención ao público de cara ao futuro levantamento do estado de alarma. Entre eles destaca a posibilidade de implantar un sistema de xestión de citas personalizado, a través do que a cidadanía podería solicitar, de forma telemática, hora para acudir ás oficinas municipais.

O obxectivo é, segundo explica Reina, “evitar as esperas nas dependencias do Concello e a formación de colas de persoas”. Deste xeito, os veciños poderían realizar os seus trámites nunhas condicións de maior seguridade e mantendo máis facilmente as distancias de seguridade.

Relacionadas